Sesión esta mañá de menos carga física para un Dépor con "moitas expectativas nesta segunda volta"
A falta de 2 días para o partido deste sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2), Os Nosos completaron unha sesión de baixa carga física.
A pesar diso, Pablo Vázquez, na súa comparecencia ante os medios de comunicación, constatou no regreso das vacacións que "a xente veu con moitísimas ganas. Ademais, os que menos, por desgraza, participaron nesta primeira volta hase visto que veñen cun empuxe extra, con esas ganas de demostrar. E iso xera no equipo un ambiente competitivo".
O central deportivista asegura que "todos temos moitas expectativas nesta segunda volta e esta semana de adestramentos eu vexo no campo que a xente está predisposta e con moitas ganas".
Esta mañá, Óscar Gilsanz dispuxo dunha activación con rondos no campo 2 e un exercicio de finalizacións no campo 3.
Lucas e Mella quedaron no ximnasio con adestramento personalizado e non chegaron a saltar ao céspede.
Mañá venres, o Dépor adestrarase de novo ás 11:00 en Abegondo e viaxará a Málaga pola tarde.
Será unha última sesión fundamentalmente táctica, con repaso ás accións a balón parado.
Precisamente Pablo Vázquez explicou esta mañá que "seguimos dándolle voltas ao balón parado. É unha das grandes cousas que temos que mellorar pero parece que canto menos se fala do balón parado, mellor vai. Estamos aí niso. A ver se esas zonas tamén nos dan un pouquiño de poder defensivo e sobre todo axustar marcas".
Iso si, opina o defensor branquiazul que as accións de estratexia son "máis concentración, predisposición, actitude. O balón parado móvese máis por eses sitios que por táctica ou por colocación".