RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA consciente que "cada día somos un pouquiño mellores" mídese mañá domingo a un FC Levante Badalona que "fai as cousas moi ben"

O Dépor ABANCA enfróntase mañá domingo 6 de outubro ao FC Levante Badalona a partir das 18:00 horas (Dazn) no Municipal de Badalona, en partido correspondente á 5ª xornada na Liga F.

As branquiazuis preséntanse ao choque após empatar a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR (2-2) ante o Athletic Club, situadas na 13ª posición da liga F con 2 puntos; e após golear (0-6) ao Sporting de Gijón na segunda rolda da Copa de la Reina.

Irene Ferreras asegurou en rolda de prensa onte venres que "cada día somos un pouquiño mellores" e lembrou que neste inicio de liga "o equipo é consciente que nestas 5 primeiras xornadas xogariamos xa contra 4 dos 5 primeiros equipos. O calendario ás veces é un pouco caprichoso e non imos permitir que ese nerviosismo se interfira nas nosas sensacións que a verdade é que son bastante positivas".

Coa única baixa por lesión de Henar, As Nosas viaxaron esta mañá á primeira hora e adestráronse este mediodía no Municipal de Badalona, escenario do encontro.

Pola súa banda, o FC Levante Badalona, que a pasada fin de semana caeu (2-1) en Zubieta coa Real Sociedad, marcha na 4ª posición da táboa con 7 puntos.

No seu campo esta liga o cadro levantinista gañou á UD Levante (2-0) e ao Madrid CFF (1-0); e perdeu co Athletic Club (0-1). 

A adestradora branquiazul advirte que o conxunto catalán "é un equipo moi veterano. Está na zona alta da clasificación non por casualidade senón porque é un equipo que compite moi ben e fai as cousas moi ben".

Destaca que "son moi verticais, con constante ameaza, con moitos mecanismos para conquistarche esas costas de liña defensiva, con moito talento tamén a nivel individual, con moita orde, é un equipo moi equilibrado, con moita xerarquía en centrais e en mediocampo".

Así pois, vaticina "un partido difícil como veñen sendo todos".

A futbolista do FC Levante Badalona Berta Pujadas tamén albisca un "partido complicado. Todos os equipos esíxennos ao máximo".

Ademais, indica que "xogar en casa, coa nosa afección é un plus" e insiste en que "nesta competición non te podes fiar de ningún equipo. Todos os equipos son moi competitivos e se non estás ao 100% é imposible sacar algo positivo".

Nada máis concluír o encontro, o Dépor ABANCA pasa a noite en Sant Boi de Llobregat e regresará o luns 7 con esta folla de ruta:

Domingo 6 de outubro
18:00: FC Levante Badalona - Deportivo ABANCA, no Municipal de Badalona
Ao concluír, traslado ao hotel Sercotel Sant Boi en Sant Boi de Llobregat

Luns 7 de outubro
7:30: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona con destino ao Aeroporto da Coruña
9:20 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto da Coruña
11:00: Entremiento en Abegondo