RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril con ganas de resarcirse visita mañá domingo a un Marino de Luanco eufórico por gañar a Copa Federación Autonómica

O Fabril visita mañá domingo 17 de setembro (17:00 horas) ao CD Marino de Luanco en partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Despois da derrota da pasada fin de semana en Abegondo ante o Rayo Cantabria, Óscar Gilsanz, técnico fabrilista, ve aos xogadores "con ganas de resarcirse. O bo e o malo do fútbol é que cada 7 días tes unha oportunidade de volver gañar, de volver sentirche ben na competición. E os mozos están así. Á parte son mozos mozos que sobre todo o que transmiten cada día en cada adestramento é moita ilusión, co cal o traballo se fai bo".

É baixa segura a meta Hugo Ríos, cunha fractura de esternón: "Estará mes e medio mínimo de baixa e a partir de aí veremos como evoluciona e non sabemos exactamente canto tempo. El está está ben, con ganas de volver e o equipo con ganas de seguir traballando da mesma maneira e de facer que todo siga coa mesma normalidade".

Así mesmo, Óscar Gilsanz estará pendente para configurar a lista de convocados de Mella, Jairo e Martín Ochoa, desprazados co primeiro equipo a Salamanca, por se puidese contar con eles en función de se xogan ou non esta noite ante o Unionistas CF.

O filial deportivista é 15º na clasificación con 1 punto, igual que o conxunto asturiano, 14º na táboa.

Esta semana, o CD Marino de Luanco levou unha alegría pola conquista este pasado xoves da Fase Autonómica de Copa RFEF após imporse na final ao UD Llanera (0-1). Desta forma, logra así o seu 7º título nesta competición copeira.

En liga, os asturianos caeron en Ourense a pasada semana (1-0) e arrincaron a liga cun empate (0-0) en Miramar ante a SD Compostela.

No cadro do CD Marino de Luanco hai experiencia dabondo, posto que figuran dous vellos coñecidos no fútbol español de alta competición como o ex deportivista Roberto Canella ou Alberto Lora, un dos clásicos nas aliñacións do Sporting de Gijón hai unhas temporada tanto en Primeira como en Segunda División.

Os resultados até a data do Fabril son os seguintes:

Real Avilés CF 2 - Fabril 2 (Jairo e Mati Castillo)
Fabril 1 (Diego Gómez) - Rayo Cantabria 3