RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

"Un bo partido de todo o equipo nun contexto diferente" significou 3 puntos máis para o Fabril na súa visita ao Rayo Cantabria

"Un bo partido de todo o equipo", segundo resumiu Óscar Gilsanz, significou para o Fabril os 3 puntos na localidade cántabra de Astillero ante o Rayo Cantabria (1-2), en partido correspondente á 9ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

O técnico fabrilista subliñou que os seus xogadores souberon adaptarse "a un contexto diferente onde era importante aproveitar os espazos ás costas da súa liña defensiva" e o traballo defensivo do seu equipo ante un rival "de moitísima calidade".

Con este resultado, os deportivistas suman 13 puntos e escalan á zona media-alta da táboa.

O filial chegaba ao partido após golear o pasado domingo (4-0) ao UM Escobedo en Abegondo nun dos partidos máis completos do que vai de liga.

Óscar Gilsanz deu entrada ao camerunés Nsongo Bil en ataque en lugar de Kevin Sánchez, cunha lesión muscular nun sóleo.

Ademais, como case sempre, o xuvenís Guerrero, Noé e Pablo García formaron no once inicial.

Pola súa banda, o Rayo Cantabria, que a pasada fin de semana caeu (2-1) en Pasarón co Pontevedra CF, chegaba ao choque en 9ª posición con 12 puntos.

Comezou moi ben o Fabril, ao revés que por exemplo en Luanco.

Aos 2 minutos, Nsongo Bil puña por diante aos fabrilistas ao recoller un balón solto na área e disparar á media volta para facer un tanto que cambiou o guión para todos os actores. "Foi a clave do partido. Ao pornos 0-1 axiña que fixo dubidar ao rival", comentou o preparador fabrilista.

Este tanto provocou que os de Óscar Gilsanz adaptásense a un contexto diferente e aproveitasen os espazos que o Rayo Cantabria deixou atrás ao envorcarse en ataque a por a igualada.

De feito, Guerrero e Alfaro tiveron senllas oportunidades nos que faltou puntaría nunha e salvou o meta Dani Atanes na segunda. 

Con esta tónica, contragolpes continuos do Fabril ante a presión rayista, chegouse ao descanso.

"Estivemos mellor e mesmo puidemos facer algún gol máis", admitiu o adestrador deportivista.

Nos compases iniciais da segunda metade Óscar Gilsanz dá entrada a Carreira e Darío Germil por Kike Fernández e Nsongo Bil. Había que manter o nivel físico ante outro filial con ritmo alto de xogo.

Adrián Guerrero, un xuvenil asentado en Segunda Federación, aumenta a vantaxe no minuto 58 após unha asistencia doutro xuvenil con traxectoria ascendente paralela, Noé.

Do mesmo xeito que sucedeu no primeiro tempo, os fabrilistas aproveitaron a súa primeira oportunidade para golpear ao seu rival.

No carrusel de cambios nos dous equipos, Ángel reduce distancias no minuto 71 ao recibir un balón no balcón da área e colocar o esférico lonxe do alcance de Alberto.

O partido entraba nunha fase emocionante na súa recta final polo axustado do marcador.

Pero ao revés que en anteriores partidos, o Fabril foi capaz de traballar en defensa para manter a vantaxe e sumar a súa segunda vitoria consecutiva na liga.

O vindeiro domingo 3 de novembro ás 12:00, o Fabril recibe en Abegondo ao CD Guijuelo.

Raio Cantabria: Dani Atanes, Samu (Isaac Obeng, min. 67), Entrecanales (Aitor Crespo, min. 46), Izan, Baldrich, Néstor (Dani González, min. 46), Mario Fuente (Pablo Lombas, min. 82), Ángel, Marcos Fernández (Solórzano, min. 67), Diego Díaz e Salinas

Fabril: Alberto, Pablo García, Aarón (Damián Canedo, min. 70), Marotías, Íker Vidal, Kike Fernández (Carreira, min. 54), Alfaro, Guerrero, Noé (Luisao, min. 70), Hugo Villaverde (Dylan, min. 79) e Nsongo Bil (Darío Germil, 54)

Árbitro: Miguel Vila Martín, do comité asturiano. Amoestou a Ángel (min. 25), Hugo Villaverde (min. 26), Entrecanales (min. 31), Kike Fernández (min. 33), Pablo García (min. 36) e Luisao (min. 90)

Goles: 0-1 Nsongo Bil (min. 2); 0-2 Guerrero (min. 58); 1-2 Ángel (min. 71)

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo de La Planchada en Astillero