RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Villares espera "co paso das xornadas ir adaptándonos ao que nos pide a categoría e seguir sumando"

Diego Villares asegurou na sala de prensa de Abegondo que a súa adaptación ao fútbol profesional marcha "ben. Sabía o que me ía a atopar porque me gustaba sempre vela, é atractiva para o espectador. Aos poucos vou collendo sensacións e adaptándome ao que che pide a liga e sobre todo cada partido, que é moi distinto ao anterior".

De feito, insiste en que a competición é "moi igualada. Hai moitos partidos dentro dun mesmo partido. Á xente que vén de fóra, que non coñecía tanto esta liga, o que máis sorprende é a igualdade que hai sempre entre todos os equipos e que a clasificación se decide en moi pouquiños puntos".

Admitiu que ao Dépor esta campaña "está a faltarnos un pouquiño de control das áreas. O outro día (ante o Málaga CF) tivemos varias ocasións para poder pornos por diante. Si que é verdade que eles tamén tiveron algunha clara, pero merecemos levarnos o partido porque as máis claras foron nosas".

Procura "non mirar moito" a clasificación (o Dépor é actualmente 19º con 8 puntos) pero si recoñece que "está a ser un comezo con altibaixos. Espero co paso das xornadas ir adaptándonos ao que nos pide a categoría e seguir sumando".

Do Elche CF, rival este domingo 13 de outubro ás 21:00 horas no Estadio Martínez Valero (LaLiga TV Hypermotion), opina que "lle gusta dominar a través do balón como nós e por iso vai ser un partido disputado nese aspecto. Tentaremos que caia do noso de lado".

Finalmente, Diego Villares resta importancia ao feito de levar só un gol a favor en ABANCA-RIAZOR no que vai de liga e afirma neste sentido que "teriamos que estar máis preocupados se as ocasións non se xerasen. Coa xente que temos arriba, tarde ou cedo van acabar entrando". No outro área, recalca así mesmo que deixar a portería a cero tal e como sucedeu esta pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Málaga "refórzache".