RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACCIONISTAS

A Xunta de Accionistas do RC Deportivo aproba por ampla maioría todas as propostas de reorganización financeira

A Xunta de Accionistas do RC Deportivo, presidida por Álvaro García Diéguez, aprobou esta mañá, nunha reunión extraordinaria, os seis puntos da orde do día referentes ao balance da situación do Club; a compensación de perdas e redución do capital; o posterior aumento do capital social; a modificación do artigo referente á asistencia ás Xuntas, e a delegación de facultades para elevación a público e posterior inscrición dos acordos adoptados. Todas as propostas foron aprobadas por ampla maioría.

No seu informe, o Presidente do RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, cualificou o día como histórico para o Club porque, salientou, "celebramos un acontecemento de gran transcendencia: a saída do concurso de acredores, o inicio dun proceso de recapitalización e o gran fito de situarnos con débeda cero".

Engadiu que "ABANCA, como máximo accionista, o que fai é capitalizar toda a débeda e asume o compromiso de subscribir a ampliación de capital correspondente á súa participación no capital social". Finalmente, animou a que todos os accionistas executen o seu dereito de subscrición e poidan manter a súa porcentaxe de participación no capital accionarial.

Tralas votacións dos puntos da orde do día, o actual presidente do Dépor anunciou que nas próximas datas deixará as súas responsabilidades como presidente e conselleiro. "Voume coa satisfacción de poder achegar o meu gran de area a unha temporada histórica e de tantos éxitos, e coa ilusión de ver que o Club ten por diante un futuro magnífico", concluíu.

A Xunta tamén serviu de despedida de Álvaro García Diéguez como Presidente e Conselleiro do RC Deportivo.

Durante a súa presidencia, o Club viviu unha etapa exitosa e alcanzou todos os obxectivos deportivos, que culminaron cos ascensos dos dous primeiros equipos ao fútbol profesional. Ademais, a súa xestión axudou a consolidar a súa base financeira, poñendo fin á complicada situación económica que atravesou nos últimos anos.

A saída do concurso de acredores e a débeda cero representan os dous maiores fitos económicos alcanzados polo Club na súa historia recente. Álvaro García Diéguez tamén foi un dos impulsores do ambicioso proxecto da Cidade Deportiva de Abegondo, eixo sobre o que pivotará a estrutura deportiva da entidade nun futuro moi próximo.

Estes importantes logros supoñen o froito dun incesante traballo de modernización e profesionalización de todas as estruturas do Club, cuxo máximo representante institucional foi Álvaro García Diéguez.

O RC Deportivo quere trasladar publicamente a Álvaro García Diéguez o seu profundo agradecemento por estes meses de esforzo, dedicación e profesionalidade.

Resultados das votacións da Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas

Discurso de despedida do Presidente Álvaro García Diéguez