RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Ao Dépor escápaselle no Alcoraz un máis que merecido empate nun balón parado no desconto

Ao Dépor escapóuselle polo menos 1 punto no Alcoraz no desconto (2-1) ante unha SD Huesca que aproveitou un penalti e un saque de esquina para quedar os 3 puntos. "Golpe duro para os rapaces pola segunda parte que fixemos", declarou Imanol Idiakez na sala de prensa.

A SD Huesca de Antonio Hidalgo comezou o curso con triunfo en Elxe (0-1) grazas a un gol de Loureiro, esta noite baixa por lesión, no minuto 87 ao saque dun córner mentres que o Dépor caía en ABANCA-RIAZOR co Real Oviedo con outro tanto nunha acción a balón parado, esta vez nunha afastada falta lateral no minuto 6.

Imanol Idiakez repetiu o once do pasado sábado mentres que na SD Huesca a novidade foi a presenza no once do dianteiro Sergi Enrich, presentado esta mesma semana aínda que xa xogou uns minutos no Estadio Martínez Valero ilicitano.

Saíron ambos os equipos ao céspede con moito respecto, con ritmo pausado.

Iso si, o Dépor, cunha presión alta, xa dispuxo dun córner a favor ao minuto de xogo ao que non chegou Pablo Martínez no segundo pau por pouco, obstaculizado polo seu par.

Respondeu o cadro oscense cun par de incursións na área deportivista, nunha delas un centro raso no minuto 12 por banda esquerda a Sergi Enrich que saca Pablo Vázquez.

De Sergi Enrich foi o seguinte remate da SD Huesca, pero o ariete, moi forzado e ben tapado, non precisou o seu remate de cabeza.

Aos 21 minutos, nunha transición rápida que naceu nas botas de Mario Soriano, o balón acabou en banda esquerda con Yeremay, pero o seu centro ao corazón da área non chega por pouco Villares, presto ao remate.

As combinacións de Mella, Yeremay, Soriano e Lucas comezaban a crear xa problemas á defensa da SD Huesca.

Antes da pausa de hidratación, David Mella, após outra xogada con varios pases entre os atacantes deportivistas, recortou cara a dentro e o seu disparo dentro da área márchase desviado á dereita da portería de Dani Giménez.

Pasada a media hora, Soko márchase de Ximo e o seu centro raso despéxao en primeira instancia Germán e logo Jose Ángel, atento á acción.

Un chispazo illado posto que o balón era do Dépor.

O partido cambiou de rumbo no minuto 37. Nun balón pasado o balón cae libre de marca a Villarrasa e Petxarromán, desde o chan, derrúbao. O colexiado non dubida en sinalar un penalti que Sielva transforma.

Puido marcar o segundo a SD Huesca após unha perdida de balón deportivista en mediocampo. Javi Mier e Soko non se poñen de acordo no remate ante Germán e o balón sae demasiado alto.

Sufría o Dépor neses minutos aínda que seguiu creando perigo cos 4 futbolistas de arriba. O último remate foi para Mario Soriano en semifallo. O balón foise lixeiramente alto. 

Con vitoria local chegouse ao descanso.

"Na primeira parte non estivemos nada cómodos", admitiu o preparador deportivista ante os medios de comunicación.

Após o paso polo vestiario, Imanol Idiakez deu entrada a Barbero en lugar de Petxarromán. Villares pasou ao lateral dereito. E o xogo foi para o Dépor.

Precisamente Barbero tivo o empate ao minuto de xogo. O dianteiro deportivista recibiu un gran pase de Yeremay e só ante Dani Giménez envía o balón lixeiramente desviado.

Sen tregua, e no outro campo, Joaquín estrela un balón no corpo de Germán despois doutro pase en profundidade ás costas dos centrais branquiazuis.

A seguinte foi para Yeremay. Recibe en mediocampo, márchase do seu par e o seu disparo raso sácao Dani Jiménez a córner.

O saque de esquina chégalle a Mario Soriano no segundo pau pero o seu disparo pega no corpo dun defensor.

Un Dépor lanzado empatou grazas a Ximo Navarro. Xa puido marcar ante o Real Oviedo a pasada fin de semana e esta vez non fallou nun gran chute cruzado ao que non pode chegar a meta oscense.

Antonio Hidalgo moveu o banco coa entrada de Kortajarena e o ex deportivista Gerard Valentín.

Sergio Enrich puido marcar no minuto 57. O seu remate diante de Germán, en posición algo forzada, márchase alto.

Non obstante o Dépor, co empuxe dos seus atacantes, non deixou de mirar a Dani Jiménez en busca do segundo.

Pablo Vázquez atreveuse desde fóra da área após recuperar o balón en mediocampo. O seu disparo, centrado, atrapouno o gardameta local.

A resposta foi para Kortajarena que, após sortear a Pablo Martínez, xutou ao lateral da rede de Germán. Corría o minuto 70.

Idiakez tivo que relevar a Jose Ángel por lesión. O mediocentro sofre unha contusión no seu nocello dereito. O Dépor encarou con Mfulu o tramo final do encontro. 

De novo Barbero non logrou bater no man a man a Dani Jiménez. Corría o minuto 81. O disparo raso do dianteiro deportivista sácao o porteiro oscense nunha gran estirada.

O partido puido ser do Dépor pero caeu inxustamente para a SD Huesca no minuto 92.

Nun saque de esquina mal defendido cun balón ao segundo pau prolongado ao primeiro, Blasco anota o gol do triunfo que non fixo xustiza ao sucedido no terreo de xogo.

Non houbo tempo para máis.

"Cando tiñamos o sentimento de que podía caer do noso lado, unha arrancada de Gerard Valentín, concedemos un córner e defendémolo mal. Unha nova lección porque a Segunda División é isto. Temos que aprender: 2 xornadas e 2 goles a balón parado", resaltou Imanol Idiakez.

SD Huesca: Dani Jiménez, Toni Abad (Pulido, min. 65), Javi Mier (Kortajarena, min. 54), Javi Pérez, Sergi Enrich (Ayman, min. 84), Joaquín (Rubén, min. 65), J. Pulido, Blasco, Soko (Gerard Valentín, min. 54), I. Villarrasa e Sielva

Deportivo: Germán, Petxarromán (Barbero, min. 46), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Ximo Navarro, Jose Ángel (Mfulu, min. 78), Villares, Yeremay (Luis Chacón, min. 90), Mella (Davo, min. 78), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 90) e Lucas

Árbitro: Galech Apezteguía, do comité navarro. Amoestou a Javi Mier (min. 50), Villarrasa (min. 60), Javi Pérez (min. 62) e Sielva (min. 89)

Goles: 1-0 Sielva, de penalti (min. 33); 1-1 Ximo Navarro (min. 53); 2-1 Blasco (min. 90+2)

Incidencias: partido disputado no Alcoraz con bochorno (case 26 graos) e algo de vento a pesar da hora tardía; e con algo máis dun centenar de deportivistas nas bancadas

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK