RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Balenziaga: Chegou o momento de dicir adeus ao fútbol profesional definitivamente e de centrarme noutras cousas

Mikel Balenziaga aproveitou a súa comparecencia prevista ante os medios de comunicación esta mañá en Abegondo para comunicar que "o ano que vén non vou continuar no Club. Durante a temporada tiven dúbidas porque o ano pasado baixei de Primera División a Primera RFEF. Quixen deixar un pouco de lado o fútbol profesional. Este ano tiven dúbidas porque tiña contrato en caso de ascenso, vía que iamos ascender, e tiven esas dúbidas porque xogar no Deportivo é un privilexio, é un orgullo e en Segunda División aínda máis. Ao final tiven a cabeza fría e esa decisión que tomei o ano pasado este tamén a vou a seguir mantendo. A decisión está tomada esta semana. Reuninme xa co Club. Eles xa sabían que tiña dúbidas e díxenlles que a decisión estaba tomada e que o ano que vén non vou continuar no Dépor".

Subliña que "a decisión de non seguir no Deportivo e no fútbol profesional téñoa 100% clara. Agora, o deixar o fútbol ou o seguir traballando disto aínda non o teño claro. Teño ganas de irme á miña casa, pasar un mes de vacacións alí e ver o que me pide o corpo".

Insiste en que "é un tema persoal máis que familiar. É unha decisión que tomei eu, por suposto, acordada coa familia. O ano pasado xa dei o paso de vir ao Dépor, a Primera RFEF. O fútbol profesional ten as súas esixencias. O Deportivo aínda máis. Chegou o momento de dicir adeus ao fútbol profesional definitivamente e de centrarme noutras cousas. Non sei se como xogador, se formándome como adestrador pero esa decisión xa a tomarei despois de pasar un mes tranquilamente coa miña familia, cos meus amigos e con total tranquilidade".

O lateral zurdo deportivista disputou esta temporada un total de 32 partidos coa camiseta branquiazul en liga, nos que anotou 1 gol e 1 asistencia.

Admite que en ABANCA-RIAZOR "atopeime ben, o corpo funcionoume ben, xoguei moitos partidos, estou moi contento coa temporada que fixen; pero teño 36 anos e quérome enfocar noutro tipo de vivencias ou de fútbol máis tranquilo".

Balenziaga resalta que a temporada foi "de aprender moitísimo. Viña co obxectivo de ascender co Deportivo. Tivemos un inicio de temporada até decembro, xaneiro, complicado. Os resultados non saían, as cousas non saían. O equipo deu un forte golpe encima da mesa alá por xaneiro e ao final vimos as dúas caras do fútbol esta temporada. #ANOSAFORZA creu en todo momento, nós tamén, e todo iso fíxonos poder ascender, poder conseguir o obxectivo".

Cualifica de "acertadísima" a súa decisión de vir ao Dépor "xa non só por ascender, porque é verdade que o obxectivo o cumprimos, pero vivir o que é o Deportivo, a cidade, #ANOSAFORZA, o club, a institución. Se non viñese perderíame o privilexio de vivir un ano nesta preciosa cidade e de xogar nun equipo histórico e que grazas a que ascendemos, está onde se merece outra vez".

Confesa que unha chamada de Imanol Idiakez convenceulle para vir á Coruña e lembra que o Dépor "demostrou ter paciencia con Imanol, demostrou seguir crendo no proxecto, nos xogadores, adestradores. Imanol pois foi un dos grandes culpables deste ascenso. Ao principio foi duro, difícil, non saían as cousas, pero dentro sempre estivemos, tanto el como o equipo convencidos de que se podía dar a volta á situación. O gran culpable de todo isto é Imanol".

Márchase despois de vivir "un ano máxico, inesquecible, que saíu todo como queriamos"; e explica que esta despedida a "quería facer así. Queríao dicir esta última semana porque quería gozar do que conseguimos. Estas dúas semanas foron súper intensas. Oxalá poida vivir outro ascenso co Deportivo e gozar doutro ascenso. Virei celebrar, seguro. Vénche á cabeza todo o vivido este ano, os compañeiros... Tamén quería agradecer ao club pola confianza que me deu no seu momento, a Imanol por esa chamada que lle agradezo moitísimo porque se non se producira, non estaría hoxe sentado aquí. En xeral a todos os traballadores do Club, corpo médico, corpo técnico, sobre todo aos xogadores que me fixeron feliz durante o día a día este ano e non quero esquecerme tampouco de #ANOSAFORZA, que foron os que realmente creron en todo isto cando as cousas non ían tan ben como queriamos".