RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Barbero aprecia "un gran potencial que temos que espremer todos ao máximo"

Iván Barbero manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "en todas as liñas, non só arriba, temos un gran potencial que temos que espremer todos ao máximo; porque queda por diante un ano moi ilusionante e moi bonito, e creo que podemos facer grandes cousas".

Subliñou que "viñamos facendo bos partidos pero estaba a custarnos de cara ao gol. Esta semana viuse que o equipo tivo máis acerto, traballámolo durante a semana e así foi".

A nivel persoal, o dianteiro deportivista advirte que "dentro do equipo hai bastante competencia. Estou agradecido polos minutos que estou a ter, xa sexa de inicio ou de suplente. Estou a traballar ao máximo e tentando que saian as cousas ben".

A pesar de que aínda non marcou na presente liga, queda co seu "traballo defensivo; o que podo achegar o equipo na presión; en ser agresivo; en gañar duelos; e xerar ese espazo para que se poida aproveitar Yeremay, Lucas, Mella e o que estea a xogar no momento. Así que hai que ter esa presenza tamén na área e achegar esas cousas positivas ao equipo que eu tamén podo dar".

Comenta respecto da temporada pasada en Primera Federación que cambiou "a esixencia. Os rivais complícanche moito máis as cousas. Xa vimos como traballan todos o balón parado e do que viven a maioría dos equipos. É unha cousa na que temos que seguir traballando".

Cualifica ao Málaga CF, rival este domingo 6 de outubro ás 14:00 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion), como "un equipo moi rochoso atrás. Ao estar eles fóra de casa van estar máis xuntos, esperando a saírnos á contra; pero temos armas suficientes para poder reverter esa situación e levarnos a vitoria".

Finamente, preguntado por Mella e Yeremay, autores de 2 goles cada un o pasado venres en Albacete, lembra Barbero que "xa desde o ano pasado, no día a día e como competían as fins de semana, víaselles que van ter unha grandísima proxección. Son uns mozos moi novos pero a min non me sorprenden. Agora mesmo non teñen teito e temos que aproveitalo ao máximo porque nos dan moitísimo".