David Lagar: "Encaro o partido coa mesma ilusión de cada día"
David Lagar, segundo adestrador de Óscar Gilsanz no Fabril que toma as rendas do filial esta fin de semana, compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo como previa do seu encontro fronte ao CD Guijuelo previsto para este domingo 3 de novembro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo).
O técnico valora a semana como "unha máis", asegura que se coñece moi ben co resto do corpo técnico e "por tanto, total normalidade". A pesar da nova responsabilidade de Óscar, "falei con el como nunha semana máis e confía plenamente en nós", engade Lagar. Tamén aproveita para valorar moi positivamente a súa nova situación: "O tempo que sexa vaille a ir moi ben a Óscar", "están aí os seus resultados e o traballo de canteira que fixo".
No referente ao rival, o CD Guijuelo, David confirma que é "un equipo moi completo, que nos porá as cousas moi difíciles", a súa situación na táboa non é a mellor, pero co cambio de míster "recuperaron a ilusión". Tamén aproveita para subliñar a dificultade da categoría: "Dous vitorias colócanche arriba e dúas derrotas déixanche mirando á parte baixa".
A nivel persoal, David Lagar considera que "no día a día non cambiou practicamente nada". Após os seus 14 anos no Club, "asumo con total normalidade a situación" e "encaro o partido coa mesma ilusión de cada día".