Dépor, Real Oviedo, CD Leganés, Unionistas CF, Dépor ABANCA e Athletic Club conforman o cartel do Trofeo Teresa Herrera 2024, os días 9 e 10 de agosto
Dépor, Real Oviedo, CD Leganés e Unionistas de Salamanca CF no apartado masculino; e Dépor ABANCA e Athletic Club no feminino conforman o cartel da próxima edición do Trofeo Teresa Herrera que se disputará no Estadio ABANCA-RIAZOR durante os próximos 9 e 10 de agosto.
O Trofeo Teresa Herrera masculino recupera con motivo da súa LXXIX edición masculina o formato cuadrángular tralo último precedente con este sistema en 2014.
O Deportivo, que tradicionalmente aproveita o decano dos torneos estivais como posta de longo ante #ANOSAFORZA, comparte cartel nesta edición con tres conxuntos que se estrean no torneo: Unionistas de Salamanca CF, un equipo de Primera RFEF moi querido polo deportivismo e que acaba de completar unha gran temporada; o Real Oviedo, un histórico do fútbol español que estivo a un paso de ascender a Primera División; e o CD Leganés, campión de liga en Segunda División e por conseguinte ascendido brillantemente á máxima categoría.
As semifinais xogaranse o venres 9 de agosto ás 18:30 e ás 20:30 horas.
O sábado 10 de agosto está previsto un intenso programa en ABANCA-RIAZOR.
A xornada comezará pola mañá, ás 10:30, coas finais do XXVIII Mini Teresa Herrera das categorías Benxamín e Prebenxamín.
A XII edición feminina do Trofeo Teresa Herrera protagonizarana o Dépor ABANCA e outro histórico do fútbol feminino nacional, o Athletic Club. As branquivermellas gañaron as edicións de 2017 e 2018 nas que se impuxeron pola mínima a #ASNOSAS (1-0). A final será o sábado 10 de agosto ás 18:30 horas.
A xornada completarana o partido polo 3º e 4º postos cos perdedores das semifinais masculinas (16:00 horas) e a gran final masculina entre os vencedores das 'semis' (21:00 horas).
O Dépor é o rei do Teresa Herrera masculino cun total de 25 trofeos nas vitrinas por 9 do segundo clasificado, o Real Madrid CF.
En categoría feminina, o Dépor ABANCA posúe 3 trofeos ademais de 1 conquistado polo Deportivo ABANCA B na edición de 2020.
A organización do Teresa Herrera forma parte do acordo de colaboración entre o Concello e o Club. O trofeo é o torneo de fútbol amigable con carácter anual máis lonxevo do mundo.