RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Derrota fabrilista ante o potente Ourense CF nun partido cun tempo para cada equipo

O Fabril, que este pasado mércores cumpriu 110 anos de historia, non puido este mediodía en Abegondo (1-3) co potente Ourense CF, un claro aspirante ao ascenso, en choque correspondente á 24ª xornada no subgrupo 1º de Segunda Federación.

O partido foi dun tempo para cada equipo. Os visitantes estiveron mellor na primeira parte e foron superiores os fabrilistas após o descanso.

Con este resultado, o filial queda con 27 puntos na zona media-baixa da táboa.

Foi titular Kevin Sánchez, quen xunto a David Mella estivo concentrado durante a semana coa selección española sub-19 para disputar dous partidos amigables ante Noruega no Estadio Guillermo Amor de Benidorm.

O dianteiro fabrilista tivo minutos nos dous amigables. No do pasado xoves foi titular e anotou o gol do triunfo español.

Unhas molestias nos isquiotibiais deixaron fóra finalmente do partido a Martín Ochoa após adestrarse toda a semana co primeiro equipo; mentres que Diego Gómez volveu xogar despois da súa longa lesión que o tivo varios meses á marxe e mesmo lle obrigou a pasar por quirófano. Saltou ao céspede no minuto 66 en lugar de Baladía.

O Ourense CF saíu cun ritmo alto disposto a porse en vantaxe no marcador.

Así, a primeira oportunidade do partido foi para Gonzalo di Renzo, o ariete arxentino que chegou esta semana procedente do CD Lanzarote. Recibiu entre os centrais fabrilistas pero o seu disparo foise ás mans de Hugo Ríos, hoxe capitán do seu equipo. Corría o minuto 12. Pouco despois, Alberto Gil rematou desde a área pequena ás mans do meta deportivista.

Aos poucos o Fabril conseguiu equilibrar o xogo e afastar da súa área aos ourensáns. Os pupilos de Óscar Gilsanz optaron polos balóns longos ás costas dirixidos fundamentalmente a Kevin Sánchez, que obrigou varias veces a Marqueta a xogar ao bordo da área.

Un deses pases en profundidade, no minuto 28, deixou a Kevin diante da portería pero o seu disparo foise desviado. O internacional deportivista chegou moi forzado.

Os visitantes adiantáronse no marcador á media hora. Após un saque de banda á área de Andrada, o balón chegoulle a Alberto Gil ao bordo da área. O seu disparo, raso e colocado, desvíao Hugo Ríos. O rexeite cae a Di Renzo que, libre de marca, marca o primeiro gol.

Aos 38 minutos, Facu Ballardo, ao saque dunha falta na frontal da área, estrela o balón no traveseiro da portería do Fabril.

O Ourense CF fíxose co mando do partido e deixou sen capacidade de reacción aos pupilos de Óscar Gilsanz.

A superioridade ourensanista nesta fase do partido plasmouse no segundo tanto obra de Álex Gil, que rematou á rede unha rápida transición ofensiva.

O colexiado do encontro, Juncal Moreira, non sinalou un posible penalti cometido sobre Kevin, que se adiantou na área ao despexe de Portela. O defensor ourensanista golpeou ao internacional deportivista.

Con este 0-2 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Óscar Gilsanz tratou de axitar o partido coa entrada de Mati Castillo, que relevou a Vilán. O obxectivo era imprimir unha marcha máis ao xogo e pór en perigo á área rival.

E conseguiuno, posto que o seu equipo foi superior nestes segundos 45 minutos e dispuxo de varias ocasións que ben puideron cambiar o resultado final.

Nas botas de Kevin estivo a primeira xogada de ataque. Jerin equivócase nun pase atrás que intercepta o dianteiro deportivista, que lle gaña na pelexa aos defensas do Ourense CF e o seu disparo atállao con apuros Marqueta.

Aos 55 minutos, Álex Alfaro remata lixeiramente alto no corazón da área un pase raso de Mati Castillo desde a banda dereita.

Foron os mellores momentos do filial no que ía de encontro.

O Ourense CF puido sentenciar o partido no minuto 56. Alberto Gil recolleu un mal pase atrás da defensa fabrilista e o seu disparo sácao baixo paus Puerto. O rexeite cae a Jerin, que, libre de marca e a pracer, dispara alto.

Respondeu rápido o Fabril. Nájera rematou ao traveseiro un saque de esquina no minuto 63; e, pouco despois, Kevin, só ante Marqueta, cruzou demasiado o balón.

Pero nos mellores momentos do filial, o Ourense CF sentenciou cun gol de cabeza de Di Renzo despois dun centro á área desde moi lonxe de Alberto Gil.

O propio Alberto Gil, neses minutos de desconcerto, a punto estivo de marcar pero o seu disparo tapónao a defensa branquiazul.

Seguiu tentándoo o equipo fabrilista ata que logrou o seu merecido premio. Kevin aproveita un mal despexe de Portela e, de volea desde a frontal, mete o balón case na escuadra dereita de Marqueta.

As aspiracións do Fabril truncáronse no minuto 81, cando Kevin caeu na provocación dun defensor rival e viu a súa segunda amarela por unha pequena liorta co seu opoñente.

Xa non houbo forzas para máis co que o Ourense CF tivo un plácido final de encontro despois de ser inferior durante boa parte do segundo tempo.

O vindeiro domingo 3 de marzo ás 17:30, o Fabril visitará ao Zamora CF no Estadio Ruta de la Plata.

Fabril: Hugo Ríos, Lache, Puerto (Barba, min. 85), Marotías, Baladía (Diego Gómez, min. 66), Brais Val, Alfaro, Vilán (Mati Castillo, min. 46), Nájera (Jorge, min. 76), Jairo (Thymos, min. 85) e Kevin

Ourense CF: Marqueta, Andrada (Bernárdez, min. 78), Portela, Prado, Facu Ballardo, Jerin, Gonzalo di Renzo (Gabri Palmas, min. 72), Alberto Gil (Nacho Fariña, min. 78), Álex Gil (Brais Penela, min. 64), Riki Mangana e Hugo Sanz (Manu Morgade, min. 72).

Goles: 0-1 Di Renzo (min. 30); 0-2 Álex Gil (min. 42); 0-3 Di Renzo (min. 70); 1-3 Kevin Sánchez (min. 74)

Árbitro: Álvaro Juncal Moreira, do comité galego. Amoestou a Marotías (min. 2), Gonzalo di Renzo (min. 25), Álex Gil (min. 38), Baladía (min. 40), Jairo (min. 68), Portela (min. 81) e Facu Ballardo (min. 90); e expulsou a Kevin Sánchez ao ver dúas amarelas (min 77. e min. 81).

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo baixo unha persistente choiva. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas do incendio de Valencia.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK