Germán Parreño e o goleador Ximo Navarro pasáronse pola zona mixta do Estadio do Alcoraz.
O porteiro deportivista confesa que "estamos encabuxados porque fixemos unha segunda parte boa, sentímonos ben, fixemos moitas cousas ben pero ao final nunha xogada de estratexia que traballaramos, en detalles mínimos, escápasenos o partido".
Indica que "pensamos en puír os detalles e darlle tamén importancia ao bo que facemos, que é moito".
Germán lembra que "a estratexia é moi importante. En competicións tan igualadas decántanse os partidos polos detalles. Hai que puír eses detalles e centrarse nas cousas boas, que son moitas".
Pola súa banda, Ximo Navarro, autor do único tanto do Dépor en Huesca, leva "un mal sabor de boca. Doeunos moito ese gol na última xogada, da forma que é, con varios descoidos. É unha pena despois do partido que volvemos a facer".
O lateral deportivista queda con que "levantamos moi ben o gol deles. Non estivemos demasiado cómodos na primeira parte a pesar de que tivemos moito o balón e conseguiamos chegar aínda que sen moito perigo. Sabiamos do seu balón parado, dalgunha xogada ao contraataque e escapóusenos en dúas accións a balón parado".
Lembra que "isto acaba de empezar. Está claro que non é a maneira que nos gustaría sobre todo porque a sensación é de facer dous bos partidos e neses detalles moi importantes nesta categoría escápansenos os dous partidos. A mellorar. A temporada pasada eramos un equipo moi forte nese aspecto tanto en ataque como en defensa e esta non empezamos ben".
Finalmente a Ximo, o seu primeiro gol co Dépor en partido oficial, "sábeme a pouco. Agora mesmo a nada. Co paso dos días sentirei contento por conseguir o meu primeiro gol con esta camiseta aínda que non serviu para nada. Oxalá servise para puntuar".