Idiakez vaticina unha segunda volta na que van pasar moitísimas cousas e moitísimos vuelcos na clasificación
Imanol Idiakez cualificou o partido deste domingo 21 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV) ante a SD Ponferradina como "un partido moi importante. Quedan 19, ou sexa que efectivamente temos moitísimos puntos en xogo. Empeza a segunda volta, enfrontámonos a todos os rivais, xa sabemos onde estamos situados, vén o líder, vén un equipo que está a ter moi bos resultados, que está aí arriba".
Así pois pensa que este choque "é un grandísimo reto. Xogar en casa ante #ANOSAFORZA tennos que motivar a todos. Imos ser 12 e oxalá que entre os 12 saquemos o partido adiante porque sería moi importante poder gañar e xa non só por poder recortar, senón por ir cara arriba e por seguir sumando e tentar conseguir o obxectivo que buscamos".
O adestrador deportivista insiste en que "o camiño é longo. Se lle preguntas a un maratoniano no quilómetro 20 se dá por perdida o maratón, pois seguramente os que van sextos diranche que non, que a poden gañar. É verdade que en fútbol nos custa máis entender todo isto, pero queda moitísimo, van pasar moitísimas cousas, vai haber moitos vuelcos na clasificación, xente que agora está arriba vai acabar por detrás, e xente que está máis abaixo vai acabar por arriba. Nós estamos convencidos de que temos todas as condicións para poder acabar conseguindo o obxectivo. Outro quilómetro, o domingo, outro quilómetro importante, pero como todos".
Resalta que "temos un bo cadro. Na primeira parte da temporada pasaron moitísimas cousas, tivemos moitas desgrazas, lesións, tivemos circunstancias que ás veces non podemos contar porque as temos que gardar dentro, lesións, enfermidades, situacións difíciles para os futbolistas" e móstrase convencido que os futbolistas "van acabar ofrecendo o rendemento que teñen porque o demostraron no pasado".
Opina que a SD Ponferradina, rival este domingo, é "moi bo equipo, como nós, como a Cultural, o Nàstic, o Celta B, a Real Sociedad B, o CD Lugo, o Barça, como os rivais que estamos a pelexar aí por conseguir as prazas de arriba. Está nunha boa dinámica de resultados. Ten un dato curioso, que é que fóra de casa ten uns resultados buenísimos: 5 vitorias e 4 empates no que vai de temporada, que é algo moi complicado. Sabemos a dificultade. Ten moi boa organización, velocidade, gol, agora coa incorporación de Borja Valle aínda mellorou na parte de arriba. É un equipo que nos vai a obrigar á nosa mellor versión pero tamén temos a confianza de que podemos gañarlles. Na ida xogamos 80 minutos cun xogador menos e fomos capaces mesmo de remontar aquel gol en fóra de xogo que nos meteron, fomos capaces de empatar e case de ir a pola vitoria. Teño toda a confianza nos meus xogadores e no equipo e estou convencido que co apoio de #ANOSAFORZA, o domingo podemos sacar o partido adiante".
A nivel persoal na primeira volta que concluíu o pasado domingo en León, Imanol Idiakez pensa que "evidentemente me quedei lonxe do que me gustou. Son o primeiro responsable, o máximo responsable. Teño un nivel de autocrítica ás veces até excesivo, e por suposto que non estou contento co que fixen. Cada mañá veño Abegondo coa intención de mellorar e de poder axudar ao Deportivo para conseguir o obxectivo que é para o que vin. Segue sendo a miña gran ilusión".