Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o triunfo ante o CD Castellón ten "moitísimo mérito porque foi un partido moi complicado contra un equipo que veu con moitísima xente, que se puxo por diante despois de nós fallar un penalti... Ten moito mérito, con todas as baixas que tiñamos e todo o cansazo que acumulamos. Remontar contra un equipo tan bo que nolo puxo tan difícil fai que lle dea moito mérito aos rapaces".
O técnico deportivista advirte que o conxunto levantino "é moi bonito de ver, xoga moi ben, ten bo pé todo o mundo, monta moita xente por diante da pelota, fai 3 no inicio pero o central na metade da xogada métese por diante. Entón é moi difícil de contrarrestar, de quitarlle a pelota pero tamén déixache moitos metros e déixache posibilidades. Véñenche a apertar alto. Foi un partido de ti a ti. Houbo momentos para todos. Tivemos ocasións, eles tamén. O que esperabamos. Cando dous equipos queren atacar, hai situacións. Houbo momentos que estivemos mellor, momentos que nos custou un pouquiño máis pero en xeral, na situación que tiñamos hoxe, creo que fixemos un bo partido".
Coa volta o vindeiro domingo 2 de xuño ás 21:00 horas en Castalia (TVG-2 e FEF TV), advirte que "vai estar igualado. No descanso comentamos que era un gol e que quedadan 3 partes. Van pasar moitas cousas porque primeiro somos dous equipos que xogamos a que pasen cousas, e a esta altura de temporada co cansazo, coa situación que temos seguro que van pasar moitas cousas. Imos ver se somos capaces de manter esta vantaxe, pero na volta vai haber goles".
En canto ás ausencias por lesión, Imanol Idiakez indica que "se cadra hai algunha opción para Berto Cayarga. Balenziaga aí vai andar, pero pouquiña cousa. Temos que ir co que temos. Hoxe viuse que temos e que hai xente que dá a cara sempre. A vitoria ten mérito eh, porque non é fácil meter a tanta xente nova, algún fóra de posición ou en posición menos habitual como Jaime contra un equipo que veu coa estrutura habitual, cunha semana máis que nós desde que ascenderon, co cal sempre están un pouco máis postos".
Pola súa banda, Dick Schreuder, adestrador do CD Castellón, cre que "eles foron mellores. Nós estivemos moi ben na segunda parte, eles nos primeiros 25 minutos comezaron moi ben. Na segunda parte tivemos o 0-2 ou o 0-3 pero non o fixemos. Eles tiveron a calidade no empate cun xogador top. E o 2-1 é un erro noso a balón parado. É o partido 44 ou 45 desta temporada, fóra de casa, nun estadio como este e vimos moitas cousas boas".
Entre risas opina que a eliminatoria está "ao 100% para o CD Castellón".