RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol: Isto é porque detrás hai un traballo moi importante dos xogadores e un día a día moi bo, moi profesional

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que valora "o comportamento do equipo, o día a día. Isto é o produto do día a día. Isto non é chegar aquí e empezar a gañar partidos porque si. Isto é porque detrás hai un traballo moi importante dos xogadores e un día a día moi bo, moi profesional, con moitísimo ritmo, cunha intensidade moi alta nos adestramentos e iso é o que se ve no campo".

Resalta ademais un "vestiario moi unido, cun grupo de futbolistas espectacular. Quedo co comportamento. O resultado non é máis que o resultado dun traballo e o traballo ben feito é mérito dos futbolistas".

O técnico deportivista cualifica como "un flipe" o ambiente en ABANCA-RIAZOR: "Fáltanme palabras. Como teño un fillo adolescente, é un flipe isto que pasa aquí en ABANCA-RIAZOR. Hoxe 28.000, récord, pero animan os 28.000 todo o partido. É unha tolemia o que temos. Temos un tesouro e temos que coidalo. Oxalá podamos conseguir levalos onde merecen", recalca.

Do partido, queda con "a resposta do equipo ao partido que nos expuxo o rival. Tiñamos a idea de que o CD Lugo ía vir como veu, a ser valente, a tentar apertarnos altos, a tentar facernos un partido de ti a ti. E a resposta do equipo foi buenísima. É verdade que houbo momentos que non tivemos o control como nos gustou pero outra vez fixemos 4 goles e puidemos facer algún máis. Estou moi contento polo traballo dos futbolistas".

Lembra que "tiñamos enfronte un rival directo, recentemente descendido de Segunda División, cun cadro de moitísimo nivel. Outro bo traballo do equipo".

Finalmente, da súa expulsión Imanol Idiakez opina que "amola bastante que non poidas facer o teu traballo por nada. Estaba a sinalar a Ximo, que nese momento sufrira unha falta no outro lado. O árbitro veu e sen mediar palabra expulsoume. Estiven falando con el. Tento respectalos pero para deixar sen traballar a un adestrador hai que facer un pouquiño máis. Eu non son un adestrador que lles falta ao respecto".

Pola súa banda, Roberto Trashorras, técnico do CD Lugo, indicou que "saímos ben ao partido. Logo afundímonos demasiado, démoslles demasiado tempo para pensar e empezaron a ter máis presenza no noso campo, sen ter moitas situacións de perigo. Logo vén o penalti nun desaxuste noso. Pómonos 1-0".

Engade que "na segunda parte non saímos ben e logo tivemos outro tramo co 2-1 que parecía que era o noso momento. Hai unha situación puntual que pode ser a segunda amarela de Ximo e pasa a ser a segunda nosa de Alberto, e aí a lectura é moi diferente. Quedamos cun menos, tentamos seguir apertando pero cada contra, cos xogadores tan rápidos que ten o Dépor, eran situacións de perigo".