Yeremay Hernández lembrou esta mañá ante os medios de comunicación que LaLiga Hypermotion "é unha competición moi longa e moi fodida porque hai equipos moi bos. O que temos que facer é manter a regularidade, ir partido a partido porque nesta liga a clave é ir partido a partido e estar todos xuntos".
Concentrado coa selección española sub-21 esta pasada semana, Yeremay non se perdeu o partido do seu equipo, o Dépor, en Elche o pasado domingo. Opina que "fixemos un partido moi bo a pesar de non meter. Tivemos ocasións".
A receita do canario de cara ao gol é "ser pesados, é dicir, cando as cousas non saen tes que ir e volver tentalo. E é o que temos que facer todo o equipo, seguir tentándoo ata que un día entren e entren sempre xa".
Lembra que "hai unhas semanas tampouco entraban ata que chegou Albacete e metemos 5. Agora non están a entrar de novo. Paciencia e tranquilidade porque agora o tema é ser pesado. Se es pesado vai entrar seguro".
Admite que "hai que tentar sacar máis puntos en ABANCA-RIAZOR, ademais temos a #ANOSAFORZA, que nos axuda en cada partido que xogamos aquí. Esta fin de semana temos un partido moi importante e temos que sacar os 3 puntos", dixo sobre a visita do CD Eldense deste sábado 19 de outubro ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion).