O fútbol non foi xusto hoxe co Fabril, que caeu derrotado (2-3) en Abegondo co Real Valladolid Promesas, en partido correspondente á 11ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Despois do Rayo Cantabria na xornada 2ª, outro equipo filial pescou na Cidade Deportiva esta temporada.
Este encontro puxo o punto e final a unha semana agridoce para o Fabril, que perdeu a Diego Gómez, operado no Hospital QuirónSalud A Coruña dunha fractura no seu peroné dereito.
A boa nova protagonizouna o porteiro Brais Suárez, que seguirá defendendo as cores do Dépor até xuño de 2026, con opción a dúas temporadas máis xa co primeiro equipo.
Este mediodía, os fabrilistas completaron un bo partido, sobre todo na segunda metade, e non se fixeron acredores a este resultado adverso nun partido de alternativas no marcador e con opcións de gol nas dúas porterías.
Con este resultado, o Fabril queda con 14 puntos na 8ª posición da táboa.
Comezou mellor o conxunto blanquiovioleta, que puido marcar aos 20 minutos nunha acción de Tunder por banda esquerda que obrigou a Hugo Ríos, titular hoxe, a facer unha bonita parada.
Foi mellor o Valladolid Promesas neste tramo do partido, obrigouno á meta fabrilista a intervir en varias ocasións, como aos disparos de Chuki ou de Verde.
De Marc Lachèvre, onte sentado no banco de ABANCA-RIAZOR co primeiro equipo, foi a primeira gran ocasión fabrilista. O lateral destro deixa atrás a varios rivais nunha arrancada das súas e o seu disparo raso márchase lixeiramente desviado da meta de Picón.
Foron os visitantes os que se adiantaron no marcador no minuto 38. Dani Fernández recolle un balón na frontal da área nunha indecisión da zaga fabrilista e o seu duro disparo ao pau dereito da meta de Ríos convértese no primeiro gol.
Reaccionou ben o Fabril, que logrou igualar no desconto da primeira parte. Iano Simão desborda por banda esquerda e o seu centro ao corazon da área é rematado por Mati Castillo, en boca de gol.
Após o paso polos vestiarios o partido virou ao lado branquiazul. Despois dunha contra do Valladolid Promesas que resolveu Salazar cun chute ás mans de Hugo Ríos, Vilán pon por diante aos fabrilistas. Corría o minuto 56. Mati Castillo se interna por banda dereita e serve a Vilán na esquerda, que, libre de marca, bate a pracer a Picón.
Pouco despois, ao minuto 60, Marotías puido marcar, pero o seu disparo atállao Picón.
O Valladolid Promesas marca o seu segundo tanto no minuto 68 nunha xogada un tanto polémica. Barba protexe un balón, Frimpong pode cometer falta na súa presión ao fabrilista, faise co esférico e plántase só diante de Hugo Ríos, que non pode salvar a igualada.
O Fabril lánzase a pola vitoria. No minuto 70, un disparo de Vilán é repelido por un defensa valisoletano a saque de esquina preto do pau esquerdo da portería de Picón. Após o saque de esquina, o balón chégalle na frontal a Marc, cuxo disparo se estrela no pau esquerdo da meta do Valladolid Promesas.
O partido entrou na recta final aberto aos dous equipos, aínda que aos puntos se fose un combate de boxeo, o filial deportivista estaba máis preto do triunfo.
No entanto, aos 84 minutos un fallo de marca deixou só a Yago Paredes na área do Fabril. O atacante valisoletano, que saltara ao céspede no minuto 62, cabeceou á rede un bo centro de Tunder por banda esquerda.
A fortuna non sorriu ao conxunto de Óscar Gilsanz, posto que no minuto 86, Kevin, de cabeza, estrela un balón no traveseiro. Puido ser empate para un Fabril que cultivou unha inmerecida derrota.
O vindeiro sábado 18 de novembro ás 18:00, a Fabril visita ao UP Langreo no Novo Ganzábal.
Fabril: Hugo Ríos, Marc Lachèvre, Álex Pereira (Barba, min. 46), Brais Val, Jairo (Nájera, min. 83), Marotías, Vilán (Iñaki, min. 69), Thymos (Álvaro Santamaría, min. 81), Iano Simão, Rubén López e Mati Castillo (Kevin, min. 69).
Real Valladolid Promesas: Picón, Íker Pérez, Iago Parente, Tito, Xavi Moreno (Koke, min. 77), Frimpong, Verde (Jesús Martínez, min. 62), Pozo (Dani Fernández, min. 32), Chuki (Sergi Esteban, min. 77), Tunder e Salazar (Yago Paredes, min. 62)
Goles: 0-1 Dani Fernández (min. 38); 1-1 Mati Castillo (45+3); 2-1 Vilán (min. 56); 2-2 Frimpong (min. 68); 2-3 Yago Paredes (min. 84)
Árbitro: Miguel Vila Martín, do colexio asturiano. Amoestou a Rubén (min. 63), Barba (min. 76), Iago Parente (min. 52), Chuki (min. 61) e Jesús Martínez (min. 89)
Incidencias: Partido correspondente á 11ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo