Iván Barbero valorou moi positivamente na sala de prensa de Abegondo a renovación de David Mella até 2029 asinada onte que se uniu por exemplo á recente de Yeremay: "Están a facerse as cousas moi ben desde a directiva. Espero que iso siga así e que sigan moito tempo porque son xogadores moi diferenciais e que marcan a diferenza en cada partido".
O dianteiro deportivista confesou que os branquiazuis están "moi contentos de que (David Mella) siga varias temporadas connosco. É un mozo cun potencial incrible".
Espera que "el estea contento, a súa familia. E nós apoiámolo a matar".
Barbero non atisba o teito tanto de Mella como de xogadores como Yeremay: "Cada semana que pasa ves a progresión que van tendo. O ano pasado cando cheguei vin que tiñan potencial pero facíalle falta ese proceso de madurez no fútbol profesional. Adaptáronse súper ben. Mella e Yeremay son dos xogadores máis desequilibrantes da categoría. Non podo dicir o teito pero si que teñen un futuro moi brillante e oxalá sexa aquí durante moito tempo".
En canto ao partido do próximo luns 11 de novembro ás 20:30 en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar (LaLiga TV Hypermotion) o ariete deportivista admite que "é un horario bastante complicado porque a xente ten horario laboral" e anima a "os que poidan que fagan un esforzo, que vaian todos a ABANCA-RIAZOR porque queremos que sexa unha olla a presión. #ANOSAFORZA é a que nos dá ese impulso que necesitamos sobre todo en casa. Espero que haxa un bo ambiente e que todos xuntos consigamos a vitoria", subliña.
Admite que nesta liga "custounos ter esa dinámica positiva. Agora levamos un partido gañado e queremos seguir. Temos rivais de gran entidade e un reto moi bonito para poder seguir coa dinámica".
Da SD Eibar, cualifícao como "un equipo moi competitivo, moi rochoso, moi difícil pero temos as nosas armas para poder gañar o partido".
Finalmente móstrase convencido que o conxunto vasco "tarde ou cedo vai estar arriba. Xa está preto. Creo que está en play off. Vai estar aí e nós temos que pelexar por conseguir esa vitoria".