O Dépor ABANCA de Fran Alonso, "moi motivado, moi unido", bota a andar mañá sábado en Granada "despois de dúas boas semanas de adestramento"
O Dépor ABANCA de Fran Alonso comeza a rodar mañá sábado 7 de decembro ás 12:00 (Dazn) na Cidade Deportiva do Granada CF, en partido correspondente á 12ª xornada na Liga F.
O novo técnico deportivista chega ao choque despois de "dúas boas semanas de traballo", tal e como subliñou el mesmo ante os medios de comunicación, posto que a súa incorporación coincidiu cun parón polos compromisos das seleccións nacionais. "Tiven a oportunidade de traballar estes últimos días con todo o grupo. Estou moi contento. Vexo ao grupo moi motivado, moi unido", engadiu.
As Nosas suman 6 puntos na táboa, situadas na 15ª posición. "A pesar de que os resultados non estaban a chegar a actitude do equipo era moi boa. A unión entre xogadoras, a química era fantástica. Iso é o que vin. É un equipo moi unido, que ten moi claro o obxectivo, que ten confianza a pesar de que non tivo bos resultados até agora e traballan moi ben, con moito entusiasmo, con moitas ganas de aprender", apuntou Fran Alonso.
Causa baixa para o encontro Inês Pereira, sancionada pola súa expulsión no último partido de liga disputado ante o Sevilla FC.
Iso si, o preparador branquiazul apunta que "temos que examinar a Yohana", que se perdeu os últimos partidos a consecuencia dun neumotórax. De todos os xeitos, lembra que "temos a dúas porteiras do filial, Antía Veiga e Martina, que levan adestrando todos os días desde que cheguei e estou moi contenta con elas".
Pola súa banda, o Granada CF, que na última xornada venceu por 1-2 ao Levante UD, é 9º na táboa con 13 puntos.
No seu campo esta temporada as andaluzas venceron á SD Eibar (2-0) e ao Sevilla FC (3-0); empataron co Levante Las Planas FC (1-1); e caeron coa Real Sociedad (0-2) e Real Betis Féminas (1-2).
O seu técnico, Arturo Ruiz, cualificou o sábado como "un sábado bonito. Xogamos aquí ás 12:00 e logo hai un moi bo partido en el Nuevo Los Cármenes. Esperemos que os puntos queden en Granada".
Do Dépor ABANCA destaca a súa "variabilidade; e sobre todo a motivación e o ritmo co que van vir. Os primeiros minutos van ser moi importantes. Temos moi claro os comportamentos que temos que ter para que canto antes no partido sexamos protagonistas e podamos xogar ao que nós estamos cómodas. Oxalá vexamos un bo partido o sábado".
As Nosas adestráronse hoxe venres por última vez en Abegondo antes de partir de viaxe con esta folla de ruta:
Venres 6 de decembro 18:15: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Málaga 19:55 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Málaga e traslado ao hotel Abades Nevada Palace
Sábado 7 de decembro 12:00: Granada CF - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva do Granada CF Ao concluír, traslado en autocar á Coruña
As Nosas teñen o domingo 8 e o luns 9 xornada de descanso. O equipo regresa aos adestramentos o martes 10 ás 11:00 horas.