RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA recibiu o agarimo de Xunta, Deputación, Concello e de todo o deportivismo

Despois de selar no mediodía de onte domingo o ascenso á máxima categoría do fútbol feminino español, As Nosas viviron hoxe luns unha emocionante e intensa xornada de recepcións oficiais.

Así, ás 10:00 horas o equipo ao completo foi recibido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

O presidente deportivista, Álvaro García Diéguez, nun acto no que tamén interviñeron a preparadora deportivista Irene Ferreras e o máximo mandatario autonómico, asegurou que "estamos orgullosos de ser o equipo de referencia do fútbol feminino en Galicia e queremos ser cara a onde miren todas as nenas galegas que queren ser futbolistas".

De regreso á cidade, ás 16:30 foi Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, o que felicitou ao cadro de xogadoras, técnicos e representantes do Club na sede do organismo provincial sita na Avenida do Porto.

González Formoso, a capitá deportivista Cris Martínez e o Conselleiro Carlos Ballesta foron esta ocasión quen se dirixiron a todos os presentes. Ballesta afirmou que "estamos moi orgullosos porque este equipo representa os valores que queremos no noso club, e elas gañáronse á afección co seu fútbol".

A tarde acabou na praza de María Pita, a partir das 19:30. En primeiro lugar Inés Rey, alcaldesa da Coruña, encabezando a corporación municipal, recibiu Ás Nosas, que a continuación foron obxecto do agarimo de #ANOSAFORZA desde o balcón do Concello.

Cris Martínez agradeceu ao deportivismo o seu apoio ao longo desta fantástica temporada, en especial con esa afluencia marca de máis de 14.000 espectadores no encontro decisivo do domingo. A capitá do Dépor ABANCA desexou que "chegue xa a próxima temporada para gozar de días como o de onte". También tomaron a palabra a alcaldesa e o presidente branquiazul, antes de saír ao balcón do Concello para festexar co ao redor dun milleiro de afeccionados que se achegaron á Praza de María Pita a aplaudir ás súas novas heroínas.

Sen dúbida, unha xornada para o recordo para todos os integrantes do Deportivo ABANCA, camiño xa da Liga F.