RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA, reforzado animicamente polo regreso de Laurina, cítase mañá en Abegondo cun DUX Logroño en liña ascendente

O Dépor ABANCA cítase mañá sábado 10 de febreiro ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) en Abegondo co DUX Logroño en partido correspondente á 18ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

O empate da última xornada na súa visita ao SE AEM (0-0) deixou ás Nosas á fronte da táboa con 38 puntos, 1 punto máis que o FC Barcelona B (37) e que ademais non pode ascender pola súa condición de filial; e 3 puntos máis que o RCD Espanyol (3º con 35 puntos).

O vestiario chega ao choque coa boa noticia da incorporación de Laurina aos adestramentos e á convocatoria, tal e como subliñou onte en rolda de prensa Irene Ferreras: "Saber que ela está ben era o máis importante. Durante estes meses seguimos tendo relación. Tanto eu con ela como ela connosco estivo moi pendente de todo o que sucedía no equipo. Cando xa ha ir dando os seus pasos e atopouse mellor, ha ir tomando pequenas decisións de achegamento cara ao equipo. Xa tivemos visitas as semanas anteriores. Estivo respirando un pouquiño xa o que é o vestiario, o que é Abegondo. Ela sentíase preparada. Animicamente a nós refórzanos moitísimo máis aló do deportivo, que tamén vai ser importante porque é a mellor fichaxe de inverno que podiamos facer, volver contar con ela e co seu talento".

Pide agora a preparadora deportivista "ser pacientes, ter cautela e ir aos poucos. Hai que ver tamén como se vai sentindo ela porque estas cousas tampouco teñen que ser un proceso lineal. Imos gozar de que agora a temos no día a día e imos seguir vendo eses pequenos pasos que haxa que dar a partir de agora para que se vaia incorporando co equipo".

O Dépor ABANCA recupera tamén a Sara Debén, xa apta para competir após a súa lesión muscular. Son baixa ADT, Lucía Martínez e Ayaka, cuxa operación cirúrxica da súa lesión no ligamento lateral externo do seu xeonllo esquerdo prevista para o pasado mércores 7 no Hospital Quirónsalud A Coruña foi reprogramada para a próxima semana.

Lucía Rivas será a representante de #ANOSACANTEIRA.

Na primeira volta en Pradoviejo o pasado 1 de outubro houbo vitoria branquiazul con remontada incluída (1-2), grazas aos goles de Paula Gutiérrez e ADT.

O DUX Logroño, que a pasada fin de semana venceu no seu campo ao CD Alba Fundación Femenino (2-0), marcha en 10ª posición con 19 puntos despois dun comezo de temporada complicado. O seu técnico Héctor Blanco alégrase de que o equipo se metese "na zona máis tépeda, máis tranquila" da clasificación e insiste en que "en casa está a salvación".

Fóra esta campaña, o conxunto rioxano gañou ao Cacereño Femenino (1-2), Athletic Club B (0-2) e CE Europa (1-7); caeu co CD Alba Fundación Femenino (2-1), Deportivo Alavés (4-2), SE AEM (1-0), Alhama CF (2-1) e FC Barcelona B (4-0).

O Club mantén activado o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está activo o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o choque, As Nosas adestraranse de novo o domingo 11 de febreiro ás 10:15 en Abegondo.