O Dépor axusta o punto de mira de cara á visita do Real Unión, un partido máis
O Dépor axustou esta mañá o punto de mira cun exercicio de finalizacións no campo 2 de cara á visita do Real Unión de Irún prevista para sábado 25 de maio ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV).
Os Nosos tómanse este encontro co que se pecha a liga como "un partido máis. Sabemos que hai un equipo grande diante nosa", tal e como apuntou en rolda de prensa Erik Puerto.
A xornada no céspede arrincou cunha activación con xogos e rondos supervisados polos preparadores físicos Javi González e Sergio Roca.
Están con traballo individual Hugo Rama e Germán Parreño. Salva Sevilla, indisposto, marchouse ao seu domicilio; mentres que Yeremay non estivo na instalación a consecuencia da súa operación cirúrxica no Hospital QuirónSalud A Coruña.
Mañá venres o equipo adestrarase de novo en Abegondo a partir das 11:00 horas, con almorzo previo para o cadro a partir das 8:30.