RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor cae pola mínima ante o Real Oviedo na estrea en LaLiga Hypermotion

O Dépor estreouse en LaLiga Hypermotion en ABANCA-RIAZOR con derrota pola mínima (0-1) ante o Real Oviedo, que "tivo unha que lle concedemos nada máis empezar o partido. Logo dominamos, fixemos un bo partido e faltounos enganchar unha para polo menos levarnos un punto que é o mínimo que merecemos", resumiu Imanol Idiakez na sala de prensa.

O estadio branquiazul luciu un ambiente de festa, con algo máis de 800 afeccionados ovetenseses na bancada.

O encontro comezou cun ritmo alto.

Foi o cadro asturiano o que golpeou primeiro. Aos 6 minutos, Del Moral bate após o saque dunha falta lateral a Germán nun gol con suspense xa que en primeira instancia foi anulado por fóra de xogo. O VAR habilitou a posición do futbolista ovetense e o tanto subiu finalmente ao marcador.

Os carbayones, que quedaron a un paso de subir a Primera División a temporada pasada, pecharon ben os espazos, xuntáronse a defender máis atrás e o Dépor non logrou aproveitar as ocasións que tivo ante a portería de Aarón para polo menos rabuñar un punto.

Aos 21 minutos, unha boa acción de Mella por banda dereita culmina cun disparo alto de Yeremay.

Apertou o Dépor para empatar antes do descanso e por momentos encerrou ao Real Oviedo no seu campo. Un disparo raso de Yeremay atállao Aarón.

Co 0-1 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor puido empatar aos 56 minutos. Remata Ximo Navarro co pé entrando desde atrás por banda esquerda e o seu disparo sácao Aarón. O rexeite da defensa asturiana chégalle na outra banda a Yeremay que mete ao segundo pau para que de novo Ximo cabecee a portería entrando só. O meta oviedista volve salvar.

Pablo Vázquez tivo a súa opción ao saque dun córner. O balón caeu morto aos pés á área pequena pero o seu disparo taponouno un defensor.

O Dépor tentouno até o final pero o Real Oviedo, liderado na recta final polo veterano internacional Santi Cazorla, tirou de oficio para amarrar o resultado.

Os Nosos empezan a temporada con derrota pola mínima.

Deportivo: Germán, Petxarromán, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Ximo Navarro, Villares, Jose Ángel (Hugo Rama, min. 85), Mella, Soriano, Yeremay (Barbero, min. 70) e Lucas

Real Oviedo: Aarón, Lemos (Lucas, min. 46), Rahim Alhassane, David Costas, A. del Moral, Sibo, Sebas Moyano (Cardero, min. 70), Alemao (Paraschiv, min. 81), Dani Calvo, Paulino (Santi Cazorla, min. 60) e Dotor (Hassan, min. 60)

Goles: 0-1 A. del Moral (min. 6)

Árbitro: Salvador Lax Franco, do comité murciano. Amoestou a Pablo Martínez (min. 22), Dotor (min. 24), Sebas Moyano (min. 27) Sibo (min. 29), Mario Soriano (min. 30) e Lucas Pérez (min. 50)

Incidencias: Partido da 1ª xornada de LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 25.824 espectadores. O medallista olímpico Enmanuel Reyes Pla fixo o saque de honra e gardouse un minuto de silencio polos deportivistas falecidos no último ano

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK