O Deportivo impúxose á SD Ponferradina, que chegaba líder a ABANCA-RIAZOR e a pesar de perder continúa na mesma posición, nun exercicio de solidez e sobriedade que espiu por completo a un rival incapaz de xerar unha soa situación de gol en 99 minutos de partido.
Imanol Idiakez, adestrador deportivista, realizou cinco cambios con respecto ao once que presentou hai unha semana no estadio Reino de León. Paris Adot (lesionado), Pablo Martínez (por prescipción médica tralo seu traumatismo cranoencefálico en León), Balenziaga (sancionado por acumulación de amoestacións), Rubén López e Salva Sevilla saíron do equipo inicial en favor de Ximo Navarro, Dani Barcia, Diego Villares, Jose Ángel e Mella. Jaime situouse no lateral dereito e Ximo no esquerdo, Jose Ángel e Diego Villares formaron un dobre pivote, Mella, Lucas e Yeremay a liña de tres cuartos e Davo saíu inicialmente como '9'.
Os branquiazuis desarmaron e derrotaron a un rival que non perdera fóra de casa (5 vitorias e 4 empates) e marcáronlle 2 goles cando só encaixara 3 neses 9 encontros a domicilio.
A primeira ocasión do partido produciuse no minuto 8, cando Davo recibiu a pelota dentro da área e deixouna atrás para Lucas. O '7', sen carrerilla, buscou colocala suavemente preto do pau esquerdo, pero o esférico foise a córner após golpear nun defensa. Tres minutos despois, Davo disparou excesivamente cruzado após recibir un pase en profundidade de Mella na dereita da área visitante.
O Dépor dominaba, chegaba e impedía que o seu rival chegase. No minuto 20, Villares atopouse cun balón no punto de penalti após un despexe errado de Lancho a centro de Lucas, pero o vilalbés estrelou o seu disparo no propio central do conxunto berciano. Aos 37 minutos, Lucas obrigou a Prieto a realizar unha gran intervención para desviar a córner un libre directo que buscaba o recanto.
O primeiro gol chegou no minuto 43. Mella desbordou ao seu par cunha bicicleta na liña de fondo, serviu atrás para a chegada de Diego Villares e o dereitazo do '8' acabou dentro da portería visitante após rozar primeiro en Igbekeme e despois, no seu intento de despexe coa cabeza, en Markel.
Co marcador a favor, o Dépor mantivo o seu plan e o seu ritmo na segunda metade. Non retrocedeu e conservou a súa intensidade, aínda que si diminuíu o volume de ocasións de gol.
No minuto 53, Lucas realizou unha gran manobra dentro da área e inventouse un pase cruzado para Davo, cuxo remate topouse cos pés de Prieto e acabou en saque de esquina.
Precisamente noutro córner, no minuto 60, naceu o 2-0. Lucas colgouno á área a media altura, Mella tentou rematalo e foi atropelado por Markel. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde onde Lucas, dous minutos despois, bateu a Prieto polo centro. Lucas anotou así o seu terceiro gol na presente Liga, co que alcanza os 46 coa camiseta branquiazul e iguala no 25º posto do ranking histórico ao lendario Beci.
A última media hora foi relativamente plácida para os branquiazuis, que gozaron dalgunha opción ao contragolpe aínda que sen rematar a portería, e que soamente se viron en certos apuros para defender varios saques de esquina que provocou o equipo visitante.
Con esta vitoria, o Deportivo colócase na quinta praza, pisando os postos de playoff por primeira vez desde a 2ª xornada, grazas a sumar 18 dos últimos 27 puntos en xogo despois de 5 vitorias, 3 empates e 1 derrota en 9 xornadas.
RC Deportivo: Germán, Jaime, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Ximo Navarro, Diego Villares, Jose Ángel, Mella (Hugo Rama, min. 67), Lucas, Yeremay (Barbero, min. 81) e Davo.
SD Ponferradina: Prieto, Carrique, Leal, Lancho, Andoni López, Clavería (Josep Cerdà, min. 66), Markel (Mángel, min. 83), Igbekeme, Ernesto (Yuri, min. 72), Borja Valle e Dacosta (Brais Abelenda, min. 66).
Goles: 1-0 Diego Villares (min. 43); 2-0 Lucas, de penalti (min. 62).
Árbitro: Gorka Etayo Herrera (c. vasco). Cartón amarelo ao técnico deportivista Imanol Idiakez (min. 30), Lancho (min. 35), Igbekeme (min. 45), Yeremay (min. 50) e Jaime (min. 75).
Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 21.310 espectadores.