O Deportivo pechou a temporada do regreso á segunda categoría do fútbol español cunha nova vitoria en ABANCA-RIAZOR ante o Real Unión Club de Irún, coa que pechou unha memorable segunda volta sen coñecer a derrota, con 15 vitorias e 4 empates, e bateu a marca de partidos consecutivos invicto na historia do Club, que databa da Temporada 1980-81.
O conxunto vasco xogábase a permanencia na categoría pero saltou ao terreo de xogo con moitas precaucións, o que xerou un primeiro cuarto de partido sen achegamentos claros a ningunha das dúas porterías.
A primeira ocasión clara traduciuse no 1-0. Cabezada potente de Jose Ángel chegando desde atrás a centro de Salva Sevilla que rexeitou como puido Irazusta. O balón caeu a Raúl Alcaina, que o baixou co peito e empalmou un dereitazo que se coou como un foguete na meta visitante. Foi o seu terceiro tanto no presente exercicio. Corría o minuto 22.
O equipo visitante respondeu o minuto 28 cunha volea de Antón Escobar que se complicou polo bote para Eric Puerto, que con todo atrapou o esférico con seguridade. O propio dianteiro unionista repetiu intento, no minuto 33, cun dereitazo razo desde dentro da área que Eric Puerto rexeitou cos pés.
No minuto 38, volveu á carga o Dépor, nun contragolpe pola dereita de Cayarga, lanzado en profundidade por Jose Ángel. O asturiano cedeu atrás para Lucas, cuxo zurdazo desde o bordo da área estrelouse no lateral da rede xunto ao mismísimo recanto.
A segunda parte arrancou con triplo cambio nas filas branquiazuis, entrando Paris por un Iano ameazado por un temperán cartón, Pablo Valcarce por un Alcaina lesionado na última acción da primeira metade e Mella por Cayarga, que sufrira unha durísima entrada por parte de Feeney.
Foi Valcarce quen puido aumentar a vantaxe no marcador no minuto 58, cun zurdazo após recibir en profundidade que rexeitou o porteiro. Davo escorregou no punto de penalti e non puido precisar o remate. Tres minutos despois, Álex Cerdà dispuxo dunha cabezada franca para empatar, pero Eric Puerto respondeu con acerto. E no minuto 65, Salva Sevilla fixo o 2-0 ao transformar un libre directo por riba da barreira ante o que Irazusta só puido facer a estatua. Foi o primeiro tanto do curso para o centrocampista andaluz.
A Real Unión foise entón arriba con todo. Quique Rivero, no minuto 76, disparou rozando o traveseiro. Un minuto despois, Pablo Vázquez despexou a pelota sobre a mesma liña de gol após unha cabezada desde preto de Antón Escobar.
Con todo, no minuto 83, Mella culminou unha longa e veloz cabalgada cun zurdazo raso cruzado para superar a estirada do porteiro contrario. Foi o sexto gol no campionato e oitavo da temporada para o canteirán.
No tempo engadido, a Real Unión Club marcou o gol da honra nunha cabezada de Antón Escobar. O conxunto vasco puido celebrar poucos instantes despois a súa permanencia, ao non pasar do empate a CE Sabadell FC na súa visita ao CD Lugo.
Despois desta vitoria, o Deportivo só perdeu un dos últimos 27 encontros e suma 15 vitorias e 4 empates nos últimos 19 partidos. Ou o que é o mesmo, 49 dos últimos 57 puntos en xogo.
RC Deportivo: Eric Puerto, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Iano Simão (Paris Adot, min. 46), Jose Ángel (Diego Villares, min. 59), Salva Sevilla, Cayarga (Mella, min. 46), Lucas (Quintero, min. 81), Davo e Raúl Alcaina (Pablo Valcarce, min. 46).
Real Unión Club: Irazusta, Víctor Eimil, Roger Riera, Feeney (Muñoz, min. 72), Baz, Joseca (Peru Ruiz, min. 81), Solís (Asier Benito, min. 72), Quique Rivero, Vidorreta (Beobide, min. 72), Álex Cerdà (Asier Córdoba, min. 81) e Antón Escobar.
Goles: 1-0 Raúl Alcaina (min. 22); 2-0 Salva Sevilla (min. 65); 3-0 Mella (min. 83); 3-1 Antón Escobar (min. 90+3).
Árbitro: Manuel Ángel Pérez Hernández (c. madrileño). Cartón amarelo a Iano Simão (min. 6), Feeney (min. 10) e Vidorreta (min. 63).
Incidencias: partido correspondente á 38ª e última xornada do grupo 1 de Primera Federación, disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 27.041 espectadores.