O Deportivo venceu (0-2) en Pasarón ao Pontevedra no segundo amigable desta pretemporada, que chegou após a vitoria o pasado martes (0-4) no Couto ante o Ourense CF no Trofeo Miguel Ángel.
Auga de Parada fixo posible, un ano máis, a retransmisión deste encontro, así como o do resto da pretemporada do Dépor, pola canle oficial do Club en YouTube a excepción, polo momento, do encontro do martes 30 de xullo en campo do FC Famalicão.
Imanol Idiakez levou a todo o cadro fóra de David Mella, que este domingo 28 de xullo disputará con España a gran final do Campionato de Europa sub-19, con Francia como rival.
Para esta segunda cita viron o partido desde a bancada Mario Soriano, Raúl Alcaina e Petxarromán.
O once inicial branquiazul en Pasarón deixou os primeiros minutos para Germán Parreño e Jose Ángel. Ambos non puideron acabar por lesión a pasada temporada pero están en camiño de comezar a próxima en LaLiga Hypermotion en plenitude de condicións.
A primeira parte transcorreu con escasas ocasións de gol e pouca precisión nos pases, quizais debido á alta temperatura, roldando os 30 graos. De feito, o colexiado do partido viuse obrigado a dispor dunha pausa de hidratación en cada período.
Os pupilos de Imanol Idiakez aproveitaron as accións a balón parado, que tan bo rendemento sacaron a pasada campaña, para inquietar ao ex deportivista Edu Sousa, como un cabezado de Pablo Martínez no minuto 35 que se marcha lixeiramente desviado.
Foi a antesala do tanto deportivista. Lucas recibe en profundidade na área e o seu pase atrás remátao Villares cruzando o balón lonxe do alcance da meta pontevedrés.
A un minuto do descanso, Lucas, de falta directa, estivo a piques de lograr o segundo. Sacou Edu Sousa cunha gran parada. Após o saque de esquina, de novo o capitán deportivista puido marcar pero o seu disparo márchaselle fóra.
O arreón deportivista co que concluíu a primeira metade continuou cunha asistencia de Lucas a Kevin, que, só ante Edu, dispara ao pau esquerdo da meta do Pontevedra CF.
A segunda metade iniciouse con 9 cambios no Depor respecto ao once inicial. Unicamente Lucas e Iano seguiron no terreo de xogo.
A primeira oportunidade foi local, cunha cabezada de Charly na área deportivista que atalla seguro Erik Puerto, substitución de Germán baixo os paus.
Estes segundos 45 minutos deixaron o debut doutra das novas incorporacións, Sergio Escudero. O valisoletano relevou no minuto 62 a Iano.
Aos poucos o conxunto de Imanol Idiakez equilibrou unha mellor saída ao céspede do Pontevedra CF e comezou de novo a crear oportunidades.
Davo, no 71, despois dunha gran xogada combinativa branquiazul plántase só ante Manu Vizoso pero o seu disparo márchase fóra, lixeiramente desviado polo porteiro pontevedrés.
A sentenza chegou no minuto 80. Hugo Rama recibe na área e a pesar de estar rodeado de defensas arma un disparo que se coa na portería de Manu Vizoso.
Con este resultado chegouse ao final deste segundo amigable enmarcado na DéporXira Auga de Parada.
Mañá domingo haberá xornada de descanso para o cadro deportivista, que o luns emprende viaxe a Portugal.
Pontevedra CF: Edu Sousa (Manu Vizoso, min. 46), Javi Fontán, Mario Gómez (Charly, min. 46), Iago Novo (Igor, min. 46), Rufo (Churre, min. 46), Yelko Pino (Román, min. 65), Chiqui (Canosa, min. 65), Samu Mayo (Diego Glez., min. 65), Xabi Domínguez (Rares, min. 46), Garay (Dalisson, min. 46) e Marqués (Jairo, min. 65).
Deportivo, primeira parte: Germán Parreño, Jaime, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Iano, José Ángel, Villares, Lucas, Luis Chacón, Yeremay e Kevin.
Deportivo, segunda parte: Eric Puerto, Pablo García, Ximo Navarro, Dani Barcia, Iano (Escudero, min. 62), Rubén López, Hugo Rama, Lucas (Martín Ochoa, min. 62), Pablo Muñoz (Berto Cayarga, min. 81), Davo e Barbero
Goles: 0-1 Villares (min. 36); 0-2 Hugo Rama (min. 80)
Árbitro: Álberto Gómez Lameiro, do colexio galego. Amoestou a Javi Fontán (min. 43)
Incidencias: Amigable disputado no Estadio de Pasarón con alta temperatura, sobre todo na segunda metade