RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor viaxa a Elche sen Gauto e sen Yeremay, cuxa ausencia provoca "tristeza por nós, pola competición"

O Dépor desprázase este sábado 12 de outubro á primeira hora da mañá a Alicante para medirse este domingo 13 ao Elche CF (21:00 horas, LaLiga Hypermotion) no Estadio Martínez Valero coas baixas de Gauto, lesionado; e Yeremay, concentrado coa selección española sub-21.

Sobre a ausencia do talentoso atacante canario, Imanol Idiakez manifestou este mediodía na sala de prensa que "estamos moi contentos por el. Que vaia á selección sub-21 é un éxito do Dépor, de toda a xente que traballou con el desde tan pequeno, por suposto del. E estamos moi contentos de que estea a dar pasos e de que estea nese nivel".

Iso si, mostrou a súa "tristeza por nós, pola competición, polo sistema". Tal e como afirmou no parón de setembro aínda que o Dépor naquela ocasión non estivo afectado, "ata que non queiran porlle remedio e non se tomen en serio a categoría, seguiremos sufrindo os que temos bos xogadores".

O técnico deportivista cre que non ten lóxica que "queiramos impulsar unha competición, que queiramos ter unha competición tan importante como a Segunda División, que seguramente é a sétima liga de Europa, e que cada vez que haxa unha convocatoria de seleccións, os que temos internacionais quedemos sen os mellores futbolistas. É ir en contra da propia competición".

Mañá pola tarde, Imanol Idiakez dirixirá un último adestramento a partir das 19:00 xa na Cidade Deportiva do Elche CF.

Esta mañá Os Nosos, aos que se sumou o canteirán Kevin Sánchez, realizaron unha nova sesión en Abegondo, con xogos, rondos e un repaso táctico ao plan de partido no campo 3.