RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, cunha estabilidade emocional moi boa, visita mañá a un UP Langreo forte en Ganzábal

O Fabril visita mañá sábado 18 de novembro ás 18:00 ao UP Langreo, en partido correspondente á 12ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Despois da dolorosa derrota da pasada fin de semana en Abegondo fronte ao Valladolid Promesas, os fabrilistas suman 14 puntos na 9ª posición.

Óscar Gilsanz non cre que o seu equipo acuse en Asturias este resultado posto que asegura que o grupo "ten unha estabilidade emocional moi boa".

É baixa segura Kevin Sánchez, concentrado coa selección española sub-19 nun torneo de clasificación para o Campionato de Europa que se disputa estes días en Georgia.

O adestrador fabrilista lembra respecto diso que "sempre que hai internacionais é unha boa noticia para o Club e para toda a xente que traballa aquí (en Abegondo) día a día. E dunha boa noticia non podemos lamentarnos dela. É moi importante para os xogadores ese paso coa selección. É unha experiencia brutal para eles cada vez que van, cada partido que xogan. Nós como Club felicitarnos por iso e aproveitarnos desa experiencia".

O filial conta coas baixas seguras dos lesionados Diego Gómez; Quique Teijo; Puerto, cunha lesión muscular no bíceps femoral da súa perna dereita; e Álex Pereira, cunha lesión na musculatura aductora da súa perna dereita.

Lembra que as lesións "forman parte do camiño do futbolista. Moitas veces cando estás preto dunha meta sofres un parón e tes que arrincar de novo. Tanto David Mella (tamén lesionado) como o resto de xogadores de #ANOSACANTEIRA están afeitos a este tipo de cousas sobre todo porque lles vai pasando durante toda a súa traxectoria deportiva con máis ou menos recupercusión. Cando subiu a División de Honra Mella sendo cadete no segundo partido de liga lesionouse e estivo 4 meses parado. Agora é máis notorio porque está no primeiro equipo pero é algo para o que se van preparando ao longo da súa carreira deportiva". 

Preguntado por Diego Gómez, aférrase a "os prazos estimados para calibrar o seu regreso pero tampouco me gustaría pór unha data estimado porque son cousas que hai que ir vendo por como vaia a recuperación. Podemos falar de 3 ou 4 meses pero vai ir dependendo de como vaia el. Tanto Diego como o resto de xogadores son traballadores, vai traballar arreo para volver canto antes. Hai que ir aos poucos".

Tampouco estarán en Langreo Martín Ochoa, Jairo, Rubén e Marc, citados por Imanol Idiakez para viaxar co primeiro equipo a Tarazona.

Por contra, están dispoñibles Brais Val e Mati Castillo, que durante a semana adestráronse con Imanol Idiakez; e,  a maiores, Óscar Gilsanz citou aos xuvenís Manu Berrocal, Mardones, Vilela, Carreira e Domínguez.

Pola súa banda, a UP Langreo, que o pasado domingo caeu (3-0) en Ourense, é 7º na táboa con 16 puntos.

Javi Vázquez, adestrador do equipo asturiano, asegurou que "xa nin nos acordamos se gañamos, empatamos ou perdimos. Xa lle sacamos todo o xogo ao partido de Ourense e aplicamos durante a semana todo o que tiñamos que aplicar para ser un pouquiño mellores".

Definiu ao Fabril como "un rival máis desta categoría. Non contemplo se prefiro agora a este ou outro. O que vén é o que vén; o calendario é o que é; e o Fabril coas súas características, as súas virtudes e carencias, será outro rival tremendamente difícil".

No Novo Ganzábal esta temporada, os asturianos gañaron ao Coruxo FC (3-2), Rayo Cantabria (4-1), Arandina CF (2-0) e SD Compostela (1-0); e empataron co Real Oviedo Vetusta (0-0). "Se seguimos sumando puntos en Ganzábal será porque o merezamos porque nos vén un equipo moi potente", engadiu o preparador madrileño.

O ex fabrilista Iago Novo, agora nas filas do UP Langreo, manifestou que "os filiais teñen menos experiencia na categoría pero adoitan ser moi dinámicos, con xente de moi bo pé".

Pide "ter coidado con estes equipos porque en nada cha cravan", conclúe.