O Fabril dobrou o xeonllo (4-1) en Pasarón ante o potente Pontevedra CF, un aspirante a todo despois de descender a pasada campaña de Primera Federación.
Con este resultado, o filial pecha o ano 2023 en 13ª posición do grupo 1º de Segunda Federación con 17 puntos.
Diego Gómez e Puerto foron baixa por lesión, do mesmo xeito que Quique Teijo, xa incorporado ao grupo pero na última fase de recuperación da súa longa lesión.
Así mesmo, Martín Ochoa, Mella, Rubén e Kevin estiveron co Dépor no Carballiño.
Si foron titulares en Pasarón Marotías e Marc, a pesar de que se adestraron boa parte da semana co Dépor.
Comezou ben o Fabril, que se adiantou no marcador aos 17 minutos cun bonito detalle técnico de Nájera após unha acción de Iano Simão.
O Pontevedra CF, que saldou con goleada moitos dos seus partidos en Pasarón esta temporada, lanzouse a por a igualada ante un Fabril que optou por esperar acazapado á contra.
Álex González, a pese de Chiqui, empata aos 37 minutos. Rufo deulle a volta ao marcador 3 minutos máis tarde ao cruzar un balón lonxe do alcance de Hugo Ríos.
Con 2-1 chegouse ao descanso. Todo estaba aínda por decidir.
Após o paso polos vestiarios o equipo de Óscar Gilsanz tratou de reaccionar. Jairo, no minuto 70, estivo preto de lograr o segundo para os fabrilistas.
Mati Castillo, no minuto 80, gozou doutra clara oportunidade que esta vez salvou o ex deportivista Edu Sousa, agora defendendo as cores do Pontevedra CF.
Non era un partido cómodo para un dos aspirantes ao ascenso, que no entanto decidiu o partido con dúas xogadas á contra liquidadas de novo por Álex González, que se aproveitou dunha indecisión da zaga fabrilista; e por Rufo, a porta baleira, coas que o partido quedou visto para sentenza.
O cadro do Fabril márchase agora de vacacións até o mércores 27, día no que retomará os adestramentos en Abegondo.
A próxima cita ligueira para o filial será o 7 de xaneiro na Cidade Deportiva ante o Oviedo Vetusta.
Fabril: Hugo Ríos, Marc Lachèvre (Ayman, min. 81), Álex Pereira (Carreira, min. 88), Marotías, Iano Simão, Brais Val, Barba (Iñaki, min. 81), Jairo, Nájera, Vilán (Álvaro Santamaría, min. 68) e Mati Castillo (Mardones, min. 88)
Pontevedra CF: Edu Sousa, Bastos (Toño, min. 67), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo (Charly, min. 88), Yelko Pino (Borja Domínguez, min. 81), Chiqui (Barbeiro, min. 81), Samu Mayo, Dalisson (Eneko, min. 67) e Benjamín Garay.
Goles: 0-1 Nájera (min. 17); 1-1 Álex González (min. 37); 2-1 Rufo (min. 40); 3-1 Álex González (min. 84); 4-1 Rufo (min. 87)
Árbitro: Hugo Alonso Luiña, do colexio asturiano. Amoestou a Hugo Ríos (min. 31), Edu Sousa (min. 77) e Brais Val (min. 79)
Incidencias: Partido correspondente á 16ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Pasarón