O Teresa Herrera, presentado no Palacio Municipal cos clubs participantes
Como é tradicional, a mañá previa ao comezo do Trofeo Teresa Herrera estivo dedicada aos actos protocolarios.
En primeiro lugar tivo lugar unha ofrenda floral a Teresa Herrera, filántropa coruñesa que dá nome ao decano dos torneos estivais no mundo, na igrexa de San Nicolás, onde repousan os seus restos mortais.
A continuación, o epicentro trasladouse ao Palacio Municipal na Praza de María Pita.
Os equipos participantes foron recibidos pola corporación municipal da cidade encabezada pola alcaldesa Inés Rey. Houbo intercambio de agasallos entre os clubs e o Concello da Coruña.
Por parte do RC Deportivo asistiron os conselleiros Carlos Ballesta e Vicente Fernández; ademais de Jan Wappler, Director Corporativo.