O Fabril afronta un reto maiúsculo este domingo 17 de decembro ás 17:00 (TVG-2), a visita en Pasarón ao Pontevedra CF, un aspirante a todo despois de descender a pasada campaña de Primera Federación.
En rolda de prensa, Óscar Gilsanz cualificou o partido como "difícil contra un rival dos mellores da categoría".
O filial deportivista, coa derrota do pasado domingo en Abegondo ante o Coruxo FC (0-1) nun partido no que tiveron varias ocasións claras para polo menos sumar un empate, é 12º na táboa con 17 puntos.
O adestrador fabrilista asegurou sobre este último encontro que "toca darlle normalidade a ese tipo de cousas, seguir facendo as cousas ben porque a través do bo xogo é como se poden obter mellores resultados, pero non lle damos máis voltas máis que o traballo diario".
De feito subliña que "tratamos de mellorar ese acerto, mellorar que os xogadores no contexto de finalización sexan cada vez mellores, pero non lle damos maior transcendencia ao feito de que estivésemos ben pero fallásemos moitas ocasións".
Sobre as baixas, Óscar Gilsanz explicou que "seguimos con Diego Gómez e Puerto lesionados; e Quique non lesionado, xa incorporado ao grupo, pero nesa última fase de recuperación da súa longa lesión".
Martín Ochoa, Mella, Rubén e Kevin estarán co Dépor no Carballiño pero si estarán dispoñibles Marotías (na foto da noticia) e Marc, a pesar de que se adestraron boa parte da semana co Dépor.
Carreira, Mardones e Ayman serán os futbolistas xuvenís que estarán co filial mañá domingo.
Pola súa banda, o Pontevedra CF no que milita o ex deportivista Edu Sousa é 3º na clasificación con 29 puntos. A pasada semana foi capaz de igualar en Oira (0-0) ante o Ourense CF, líder con 31 puntos.
En Pasarón esta temporada os granates caeron coa RS Gimnástica de Torrelavega (1-2) na 1ª xornada de liga; empataron co Rayo Cantabria (0-0); e venceron con claridade ao UP Langreo (6-0), CD Guijuelo (5-0), Real Oviedo Vetusta (3-0), Arandina CF (2-0) e SD Compostela (3-0).
En rolda de prensa, Yago Iglesias, técnico pontevedrés, destacou que "é a primeira semana na que podemos contar con todos os integrantes do cadro, incluído xogadores do filial. Iso axudounos a poder traballar situacións de xogo real e o equipo está ben, con ganas de que chegue o domingo".
Do Fabril apuntou que "é un equipo de moito nivel, ten moita continuidade no banco, no seu adestrador. É un equipo que leva moitos anos xuntos, unha xeración que vén desde ese campionato de España xuvenil, con pasado en Terceira Federación, ascenso a esta categoría, con moitos rexistros. A súa principal calidade é que se coñecen moi ben e teñen moita calidade individual".