RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Salva asegura que o Dépor é un club incrible e Erik, que ascensos como este vívense unha ou ningunha vez na vida

Salva Sevilla e Erik Puerto pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

Coa friorenta de 8 ascensos ás costas, o mediocentro andaluz asegura que "todos son moi bonitos, moi especiais. Os ascensos sempre hai que celebralos e estou moi contento. Vimos con esa intención e estou moi feliz. O ano non saíu persoalmente da mellor maneira ou como un quere pero estou moi contento porque o Club conseguise o obxectivo, que é o importante".

Admite que o banco "non é fácil porque viña afeito xogar sempre pero cando eu xogaba había outro compañeiro que non podía xogar e as cousas hai que aceptalas como veñen; e tratar de traballar, de sumar desde outro lado e pensar no obxectivo común. Os xogadores imos, vimos e o importante é o que queda".

Explica que ao marcar de falta foise "a celebralo coa miña filla que levaba moito tempo pedíndomo. Era difícil facelo sen xogar e estou moi contento por ela".

Salva Sevilla asegura vivir "un ano moi bonito. É (o Dépor) un club incrible, doutra categoría. Aínda queda un pasiño máis para estar onde merece por afección, por club, por todo. Ten todo para seguir crecendo moito aos poucos, con paciencia, con tranquilidade, non hai que porse nunca nerviosos. As cousas ao principio non saían pero o equipo seguía confiando no que facía. Sabiamos desde dentro que podiamos facelo e ao final así foi".

Pola súa banda, Erik Puerto, titular co Dépor por primeira vez, confesa que as sensacións foron "incribles. Estaba moi tranquilo. É verdade que cando levas 5 meses sen xogar nunca é fácil volver. Á fin e ao cabo é froito do traballo; e estou moi contento polo debut e por como me saíu o partido".

O meta branquiazul subliña que "ascensos como este, nun sitio tan incrible como este, vívense unha ou ningunha vez na túa vida. Hai que gozalo ao máximo".

Finalmente asegura que após chegar ao Dépor no mercado de inverno "adapteime bastante ben, máis rápido do que pensaba. Isto é gran parte ao cadro, aos meus compañeiros porque desde o primeiro día abríronme os brazos, tratáronme como un máis sen coñecerme. Doulle as grazas a todos eles".