Último adestramento desta temporada en Abegondo para que "coa gasolina que temos déanos para chegar primeiros"
O Deportivo completou esta mañá no campo principal o último adestramento da temporada 2023-24 na Cidade Deportiva, á espera da sesión de mañá sábado ás 9:30 en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, última xa do curso.
Imanol Idiakez afirmou na sala de prensa que "chegamos á última volta. Á última volta chegas con pouca gasolina. Imos facer todo o posible para que coa gasolina que temos déanos para chegar primeiros. Imos tentalo", en referencia ao encontro deste domingo 2 de xuño en Castalia ante o CD Castellón correspondente á volta da Final de Campións (21:00, TVG-2 e FEF TV).
O corpo técnico dispuxo hoxe unha activación con rondos e un xogo de posición.
Lucas e Diego Villares están concentrados coa selección galega para o partido desta noite (20:00 horas) en ABANCA-Balaídos ante Panamá; mentres que están con traballo personalizado Hugo Rama, Yeremay, Germán Parreño, Ximo Navarro, José Ángel e Alcaina.
Ademais o preparador deportivista explicou a situación doutros 3 futbolistas: "Berto Cayarga vai facer unha proba mañá; Balenziaga traballou hoxe e mañá outra vez veremos, falaremos e tomaremos unha decisión; e Barbero hoxe adestrou e imos ver se pode chegar para o domingo".
Rubén López, Martín Ochoa, Kevin Sánchez, Diego Gómez, Brais Suarez e Pablo García foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.