RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Un Consello de Administración máis feminino que nunca, amplo e con experiencia 

O próximo Consello de Administración do RC Deportivo terá o segundo maior número de membros dos últimos 20 anos, conta con ampla experiencia no mundo empresarial, deportivo e deportivista e será o máis feminino na historia do Club.

Juan Carlos Escotet Rodríguez será o quincuaxésimo Presidente na historia do RC Deportivo. Ademais, será o oitavo Presidente do Club no século XXI.

O novo Consello será o segundo máis amplo desde 2003. O RC Deportivo non contaba cun Consello de Administración con tantos membros, 7, desde hai 4 anos. Para atopar outra directiva tan ampla hai que remontarse máis de 20 anos.

Será este un Consello de Administración que conxugará empresa, deporte e deportivismo. Os currículos dos 7 conselleiros e conselleiras aúnan experiencia en postos de liderado e alta xestión con perfís profesionais no mundo do deporte e personalidades branquiazuis.

Ademais, por primeira vez haberá dúas mulleres no Consello de Administración do RC Deportivo. Michelle Clemente e Marta Fernández Currás formarán parte do órgano directivo do Club, que como máximo contara cunha muller. Así mesmo, este Consello de Administración pasará á historia por ser o primeiro no que unha muller ocupará o cargo de Vicepresidenta: Michelle Clemente.