RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor coa idea de ter o dominio inicia a segunda volta mañá domingo en ABANCA-RIAZOR ante unha SD Ponferradina á fronte da táboa

O Deportivo inicia a segunda volta da liga no grupo 1º de Primera Federación mañá domingo 21 de xaneiro ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR ante a SD Ponferradina (TVG-2 e FEF TV), en partido correspondente á 20ª xornada.

Os resultados da última xornada, coa derrota do pasado domingo en León, deixaron a Os Nosos na mesma posición na táboa, 6ª, con 29 puntos, a 2 puntos do play off de ascenso.

Na primeira volta disputada o pasado 15 de outubro no Toralín, o resultado foi de empate (1-1) após un partido marcado pola expulsión de Pablo Martínez aos 12 minutos. Os bercianos adiantáronse no marcador no minuto 71 e empatou Pablo Vázquez no 86 nun exercicio de resiliencia deportivista.

Imanol Idiakez, na sala de prensa, subliñou onte que "a idea nosa é atacar, ter o dominio, impornos aos rivais. Hai días que se pode máis e días que se pode menos porque os rivais tamén xogan. O que imos facer é expor o partido para gañalo, como todas as semanas. É verdade que temos en conta sempre ao rival. Temos un rival enfronte que ten comportamentos bastante claros, fortalezas bastante evidentes e algunha outra menos que imos tentar explotar. E desde aí, vendo nosas mellores condicións para tentar gañar o partido. Máis aló do que logo pase nos partidos nosa primeira intención sempre é saír a gañalo".

Quedaron fóra da convocatoria por lesión Alberto, Berto Cayarga, Retuerta e o canteirán Martín Ochoa. Mikel Balenziaga tampouco estará ao ver no Estadio Reino de León o seu quinto cartón amarelo que lle obrigará a descansar mañá. 

Neste sentido, o técnico admite que nese lateral zurdo "desde a lesión de Retuerta temos unha dificultade a nivel de cadro e a Dirección Deportiva están a buscar como solucionalo. Hai que completar as fichas, hai unha serie de condicións que nos obrigan e que nos limitan. A última decisión tena que tomar Fernando Soriano e niso están. Canto antes podémola tomar mellor, pero evidentemente o obxectivo é non equivocarse e dar pasos firmes".

Así mesmo, Mella, Rubén López, Puerto e Marotías serán os representantes de #ANOSACANTEIRA.

A semana para o Dépor deixou ademais a renovación de Diego Villares até xuño de 2027. Imanol Idiakez cualificouna como "unha grandísima noticia. unha grandísima noticia para O Depor, unha grandísima noticia para O Depor. Diego simboliza os valores que deberiamos buscar para os futbolistas do Deportivo. Tenos todos. Para min é un exemplo a seguir, un futbolista que ademais está en madurez e crecendo cada día. Non teño dúbidas de que vai ser mellor futbolista cada semana porque a súa maneira de entender a profesión é así para ser mellor. É unha grandísima noticia. Alégrome moitísimo por el e oxalá que poida vivir a volta do Dépor ao lugar que lle corresponde".

O equipo adestrouse esta mañá en Abegondo por última vez esta semana. O corpo técnico dispuxo, após pasar pola sala de vídeo, dunha activación con roldo no campo 2 e un ensaio xeral do plan de partido no campo 3.

Pola súa banda, a SD Ponferradina, no que milita o ex deportivista Borja Valle, chega a ABANCA-RIAZOR despois dun triunfo por 0-3 en Logroño e á fronte da clasificación do grupo con 39 puntos.

Lonxe do Toralín esta temporada, o conxunto dirixido por Íñigo Velez gañou 5 partidos, en Sestao (0-1), Teruel (0-2), Salamanca (0-1), San Sebastián (1-2) e o citado de Logroño (0-3); e empatou 4, en Lugo (0-0), Tarragona (0-0), Irún (1-1) e Barcelona (1-1). Así pois, non coñece a derrota, tal e como sucedera coa Real Sociedad B cando o filial donostiarra xogou en ABANCA-RIAZOR o pasado 4 de xaneiro.

En rolda de prensa, o técnico berciano apunta que "o domingo temos enfronte a un gran rival, nun gran escenario. Nós queremos potenciar o que estamos a facer ben".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 22 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK