RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril en busca de certificar a permanencia recibe mañá a un Pontevedra CF que soña co ascenso, nun partido moi atractivo

Un Fabril en loita por evitar a posición de play out recibe mañá domingo ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo) a un Pontevedra CF que pelexa co Ourense CF pola praza de ascenso directo a Primera Federación.

Con 90 afeccionados pontevedreses presentes na bancada da Cidade Deportiva, #ANOSAFORZA esgotou en poucas horas as entradas para este encontro correspondente á 33ª xornada, penúltima de liga e que Óscar Gilsanz, técnico fabrilista, cualificou de "moi atractivo". "É un partido importante. Todos os son cando se achega o final de temporada e ademais, un partido contra o Pontevedra CF, que fai nada estaba a xogar contra o noso primeiro equipo en ABANCA-RIAZOR", razoa.

Despois da épica vitoria do pasado sábado en O Vao ante o Coruxo FC (1-2) cos dous goles no desconto, o filial afronta o choque con 40 puntos situado na 11ª posición da táboa, con 3 puntos de marxe sobre a RS Gimnástica de Torrelavega, equipo que ocupa a posición de play out de descenso.

O preparador fabrilista centra o obxectivo exclusivamente en "gañar 3 puntos. Despois cando empezo o partido, veremos se somos capaces ou se non somos. Ante un rival, que é posiblemente dos mellores da categoría; posiblemente non, sen dúbida un dos dous mellores equipos, vai quedar primeiro ou segundo con toda seguridade, veremos onde nos pon o partido, pero en principio as únicas contas que facemos é tratar de gañar o partido, tratar de sumar 3 puntos que nos afasten definitivamente do play out, pero sendo conscientes da dificultade que ten. E sendo conscientes de que a igualdade é máxima. Non facemos contas dos demais rivais nin moito menos porque temos que centrar o noso esforzo no noso partido".

Causa baixa por lesión David Vilán; ademais de Rubén López, citado co primeiro equipo. Por contra, Óscar Gilsanz poderá contar con Martín Ochoa, recuperado da súa lesión muscular e despois de estar toda a semana traballando ás ordes de Imanol Idiakez.

Os xuvenís Kevin Sánchez, Manu Berrocal e Mardones completan a citación.

No partido da primeira volta disputado en Pasarón o pasado 17 de decembro de 2023 venceron os granates (4-1). Nájera adiantou aos fabrilistas, que logo non puideron frear aos atacantes pontevedreses.

Precisamente o Pontevedra CF, derrotado a pasada fin de semana (0-2) en Pasarón polo Ourense CF, é 2º con 64 puntos, a 3 dos ourensáns, e xa non depende de si mesmo para lograr o ascenso.

Lonxe do seu campo esta temporada gañou ao Coruxo FC (0-2), Zamora CF (0-4), Marino de Luanco (1-2), RS Gimnástica de Torrelavega (1-2), CD Guijuelo (1-2) e Real Oviedo Vetusta (2-3); empatou co Real Valladolid Promesas (1-1), CD Cayón (1-1), Real Avilés Industrial (1-1), Ourense CF (0-0), Racing Villalbés (1-1), UP Langreo (0-0), Rayo Cantabria (2-2), Arandina CF (1-1) e SD Compostela (2-2); e unicamente perdeu co CD Covadonga (3-1). 

Yago Iglesias, o seu adestrador, cualificou en rolda de prensa a derrota ante o Ourense CF como "dolorosa pero desde o mércores mirando cara a adiante, pensando no que nos vén, neste caso o partido contra o Fabril. Quedan aínda dúas xornadas, por uns motivos ou por outros temos que seguir ao pé do canón, preparando os partidos coma se fosen o máis importante da nosa temporada porque así é".

Asegura que afronta a visita a Abegondo "coa intención de gañar e de ver o que pasa na última xornada".

Espera "un partido moi disputado como todos. Os dous equipos xogámonos moitísimo. Ao longo da temporada tivemos 4 derrotas. Sen contar con esta última sempre que perdemos gañamos o seguinte partido. Ese o discurso desta semana. Hai que levantarse rápido, hai que seguir gañando, hai que mirar cara a adiante e coller boas sensacións para o que nos vinga por diante".