RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un solvente Dépor ABANCA dobrega ao DUX Logroño para manter o liderado (2-0)

O Dépor ABANCA gañou con suficiencia e solvencia ao DUX Logroño grazas a un dobrete de Millene, logrando unha vitoria que lle asegura unha semana máis o liderado de Primera Federación Iberdrola e que mete presión aos seus rivais polo título e o ascenso á división de honra nacional.

O dominio deportivista na primeira metade foi practicamente total, aínda que as branquiazuis tampouco crearon constantes ocasións de gol. A primeira chegou no minuto 10, cando Charle empalmou desviado desde dentro da área un despexe curto da defensa rioxana.

A segunda chegada clara converteuse no primeiro gol do partido, no minuto 18. Charle acababa de cambiar de banda con Ainhoa Marín, encarou ao seu par e sacou un centro perfecto desde a dereita do ataque coruñés para Millene, que só tivo que colocar a cabeza para levar o coiro ao fondo das mallas collendo a contrapé á gardarmeta visitante. A brasileira igualou con este tanto os 8 de ADT.

Antes da media hora, o Dépor ABANCA tivo dúas boas opcións máis. No minuto 26, Inés Altamira empalmou o balón fóra no segundo pau nun córner lanzado por Paula Gutiérrez e que ninguén acertou a despexar ou rematar. No 29, un zurdazo cruzado de Charle sacouno Natalia a córner cando buscaba a cepa do primeiro pau.

O segundo tanto deportivista chegou no minuto 36. Henar fíxose cunha pelota solta en tres cuartos e meteu un pase interior para Millene, que aguantou a arremetida da súa marcadora antes de bater por baixo a Natalia na súa saída. A '10' deportivista colocouse deste xeito como máxima goleadora branquiazul da temporada, con 9 dianas e, con 22 goles oficiais como deportivista axexa a 8ª posición histórica de Ainhoa Marín, autora de 24 tantos e que hoxe mesmo entrou no top-10 de xogadoras que máis veces vestiron a camiseta do Dépor ABANCA ao igualar as 84 aparicións oficiais de Alba Merino.

A segunda metade foi plácida para as deportivistas, que baixaron unha marcha e dedicáronse a controlar o encontro con menores riscos. O DUX Logroño chegou nalgunha ocasión, a máis clara no minuto 67, nun centro pasado ao segundo que recolleu Lonigro, recortou cara a dentro para desfacerse de Inés Altamira e desde o bordo da área pequena disparou fóra.

A mellor ocasión coruñesa produciuse a balón parado, no minuto 84, nun libre directo de Eva Dios desde 30 metros que se perdeu rozando o recanto. Uns minutos antes, Laurina saltou ao terreo de xogo en lugar da bigoleadora Millene. A xogadora asturiana regresou esta mesma semana aos adestramentos despois de dous meses e medio de baixa.

O Dépor ABANCA suma xa 13 xornadas consecutivas sen perder e con esta vitoria alcanza os 41 puntos, produto de 12 vitorias, 5 empates e 1 soa derrota. O FC Barcelona B, segundo con 37 puntos, recibe ao Atlético de Madrid B mañá domingo ás 16:00 horas. O RCD Espanyol, terceiro clasificado con 35 puntos e primeiro rival real polo ascenso directo visita ao CE Europa nun derbi barcelonés, tamén mañá domingo, ás 12:00. Á mesma hora medirase o Alhama CF, cuarto con 33 puntos, ao CP Cacereño Feminino en campo estremeño.

Deportivo ABANCA: Yohana, Samara (Cris Martínez, min. 81), Inés Altamira, Raquel García, Clara, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Lucía Rivas, min. 60), Lía M. (Eva Dios, min. 71), Charle (Carlota, min. 81) e Millene (Laurina, min. 71).

DUX Logroño: Natalia, Marta (Del Trecco, min. 46), Nora, Nata, Iria Castro (Sofía, min. 73), Belem (Vargas, min. 46), Encarni, Atiq Ez-Zity (Valderas, min. 60), Cintia Hormigo, Lonigro (Olga García, min. 73) e Ida Guehai.

Goles: 1-0 Millene (min. 18); 2-0 Millene (min. 36).

Árbitra: Josefa Sánchez Gómez (c. cántabro). Cartón amarelo a Lonigro (min. 7), Belem (min. 22), Atiq Ez-Zity (min. 30), Paula Gutiérrez (min. 44), Millene (min. 58) e Lucía Rivas (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 18ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK