Volve a iniciativa Bancada Solidaria a ABANCA-RIAZOR
A Fundación RC Deportivo, de cara ao encontro do próximo domingo (14:00 horas) fronte ao Málaga CF, reactiva a Bancada Solidaria de ABANCA-RIAZOR, unha iniciativa na que cada partido destina unha ampla cota de entradas a ONGs, institucións ou entidades benéficas que traballan pola integración social, educación, infancia, saúde e solidariedade na nosa comunidade.
Atendendo á política de transparencia e Responsabilidade Social Corporativa (RSC) do RC Deportivo e da súa Fundación, sempre se publican as entidades que fan uso da bancada solidaria. No encontro do Dépor ABANCA fronte ao FC Barcelona ocupáronse 280 localidades repartidas entre as seguintes asociacións: Saúde Mental FEAFES Galicia, ASPESOR, ASOCIACIÓN ANTONIO NOCHE Comité Cidadán Antisida A Coruña, Hogar Sor Eusebia, RIBS PAI RUBINOS, CLECE VITAM, Accem, Asociación Ecos do sur, ASEM Galicia, ANPANXOGA, AFACO e FEAFES.
Ademais, a temporada pasada resultaron beneficiados 4.159 usuarios de 90 asociacións diferentes ao longo de 15 encontros disputados en ABANCA-RIAZOR.
Para solicitar entradas para a Bancada Solidaria, o protocolo está dispoñible no departamento de RSC do Club en: fundacion@rcdeportivo.es ou no 981 259 500 (Extensión 1: Oficina de Atención ao Deportivista). A data límite para poder solicitalas serán as 23:59 h. do xoves previo ao encontro.