O Dépor recibe mañá domingo ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV) ao Osasuna B, en partido correspondente á 14ª xornada no grupo 1º de Primera Federación, co regreso de Yeremay á convocatoria.
O canteirán, que se adestrou toda a semana co grupo, lesionouse na 2ª xornada en Lugo (2 de setembro) no seu peroné dereito e desde aí non volveu a participar en partido algún.
Imanol Idiakez admite que "é un mozo moi vistoso porque ten iso que chama tanto a atención como é o encarar, o desborde, o man a man".
No entanto, pide "pór as expectativas no seu lugar. É un futbolista novo en formación, en proxección, que evidentemente todos temos moita ilusión nel, moita esperanza, pero desde logo agora neste momento non podemos pór nas súas botas todo o peso do equipo porque ademais vén dunha lesión de 3 meses".
Por este motivo o técnico deportivista advirte que "os primeiros partidos de Yeremay o lóxico é que sexan para volver adaptarse, para volver coller o ritmo de competición. Primeiro para superar a lesión e logo para iso. Evidentemente é un xogador no que todos temos postas moitas esperanzas, pero o Dépor somos moito máis que Yeremay. Hai que alegrarnos da súa volta cando se produza, pero coa calma de saber que vai necesitar o seu tempo para porse ao seu mellor nivel".
Os últimos resultados, co agridoce empate do pasado sábado en Tarazona (1-1), deixaron a Os Nosos en 10ª posición da táboa con 18 puntos.
Na citación tamén entraron Paris Adot e Pablo Valcarce. Ambos estiveron boa parte da semana á marxe do grupo debido a unha molestia abdominal o primeiro e nun xeonllo o segundo. Hoxe sábado traballaron con normalidade nunha sesión que arrincou cunha activación e un roldo, para pasar a continuación a repasar o plan de partido.
Así mesmo, Imanol Idiakez recupera a Jose Ángel, sancionado a pasada fin de semana, pero non poderá contar con Ximo Navarro, Pablo Muñoz, Barbero e o canteirán Mella, todos eles lesionados.
Martín Ochoa e Rubén serán os representantes de #ANOSACANTEIRA na lista de 21 convocados aínda que os fabrilistas Jairo e Marc tamén traballaron hoxe co primeiro equipo.
Na convocatoria está outro canteirán, Diego Villares, que se xoga mañá cumprirá 100 partidos oficiais vestindo a camiseta branquiazul.
Pola súa banda, o Osasuna B, que vén de empatar en Tajonar co CF Rayo Majadahonda (1-1), é 13º con 17 puntos.
Lonxe de Pamplona, o filial rojillo esta temporada gañou á Cultural Leonesa (0-2) e á SD Tarazona (1-3); e caeu en Sabadell (2-1), Ponferrada (2-1), co FC Barcelona Atlètic (1-2) e co CF Fuenlabrada (4-1).
O partido será especial para o ex deportivista Max Svensson, enrolado agora nas filas do filial osasunista; do mesmo xeito que para Paris Adot, formado nas categorías inferiores do conxunto navarro.
Achega do dianteiro, o preparador branquiazul manifestou que "alternou xogar banda e punta. É un futbolista que ten unhas capacidades importantes para eles".
Finalizado o encontro, Os Nosos adéstranse de novo o luns 27 de novembro ás 11:00 en Abegondo.