O Dépor acabou con derrota (1-2) ante o Real Racing Club após un partido no que o técnico racinguista José Alberto apuntou que "soubemos sufrir" e Imanol Idiakez subliñou o "bo traballo da xente, moitas situacións, moitas posibilidades, dous traveseiros, unha parada incrible a Barbero de Ezkeita e unha chea de a piques de "..
Os Nosos presentábanse ante #ANOSAFORZA após a súa derrota do pasado xoves (2-1) no Ciutat de València con 10 puntos e, con este marcador, sae coa mesma puntuación pero en 20ª posición.
Pola súa banda, o Real Racing, líder da categoría, chegaba a ABANCA-RIAZOR despois de encadear 4 vitorias consecutivas e con vitoria en todos os seus partidos lonxe de El Sardinero no que vai de liga: Oviedo (1-3), Tenerife (0-1), CD Castellón (0-1), Zaragoza (2-3) e Cádiz (0-1).
Imanol Idiakez introduciu até 4 cambios respecto ao once ante o Levante UD, coa entrada de Cristian Herrera por Yeremay; Escudeiro por Obrador; Barbero por Charlie Patiño; e Ximo Navarro por Petxarroman.
Explicou a suplencia de Yeremay: "Sabía que Mella e Yeremay non podían xogar todo o partido polos minutos que acumulan. Non quería quedarme sen os dous á vez no campo. Quería ter un dos dous no campo todo o partido. Decidín que empezase David para que logo saíse Yere. Xa estaba Mella no descanso xustiño".
O Racing expuxo desde o principio a súa condición de líder e buscou a portería branquiazul.
Aos 10 minutos, Michelin lanza directa unha falta na frontal da área. Helton Leite desvía como pode ao traveseiro da portería deportivista.
Os branquiazuis trataron de buscar a área cántabra con transicións rápidas ante unha defensa visitante moi adiantada.
Pasado o cuarto de hora, Barbero cabecea un bo centro de Mella. O balón atállao Ezkieta.
Respondeu Vicente no outro área ao rematar na área por raso. Helton atrapa con seguridade.
Foi o preámbulo do gol racinguista. Rodríguez cabecea á rede libre de marca na área. "É un gol traballable, de traballo da liña (defensiva). Apúntome eu o tanto", admitiu Imanol Idiakez na sala de prensa.
O gol noqueu ao Dépor neste tramo do partido ante un rival que seguiu presionando moi arriba.
Arana subía o segundo tanto despois de recoller un balón na área deportivista libre de marca. O atacante meteu o esférico ao recanto dereito de Helton Leite. "Vén dun rebote de Villares e Vázquez, de mala sorte", rememora o preparador deportivista.
"Os 25 primeiros minutos bos fixéronnos levarnos o partido quizais pola inercia que viñamos pero non estou nada contento co partido. De aí até o gol de Yeremay sufrimos moitísimo", declarou José Alberto na sala de prensa.
Na cabeza de Barbero estivo a seguinte oportunidade aínda que o seu remate foise fóra por pouco. O centro foi de Escudero.
Unha das mellores xogadas branquiazuis foi unha transición rápida entre Mario Soriano e Mella, que meteu na área a Barbero. Sacou a zaga racinguista cando o dianteiro do Dépor só tiña que empuxala ante Ezkieta.
Pasada a media hora, o colexiado do encontro, o vasco González Esteban, anulou por fóra de xogo un gol a Cristian Herrera. O canario rematou na área pero no pase inicial a Barbero estaba en posición ilegal.
O tramo final do primeiro tempo adxudicoullo o Dépor, que lanzou varios saques de esquina consecutivos.
Villares, no minuto 42, estrelou un balón no traveseiro despois dunha longa xogada de ataque.
Xa no desconto, Ezkieta saca nunha gran parada un remate franco de Barbero cando a bancada de ABANCA-RIAZOR xa cantaba o gol.
A última tamén foi do Depor: un disparo de Escudero que se marchou lixeiramente desviado do poste esquerdo da portería do Real Racing Club.
Con 0-2 no marcador concluíu esta primeira parte.
A segunda metade comezou sen cambios no Dépor.
No minuto 47, Lucas estrela un segundo balón no traveseiro após un disparo espectacular.
No outro área, Helton Leite salva un man a man con Arana, que desemboca nunha transicion rápida de Lucas que cede a Cristian Herrera alén da área e, en posición algo forzada, remata demasiado alto.
As ocasións seguiron nas dúas porterías, como un duro disparo abaixo de Andrés Martín que saca como pode Helton Leite.
Imanol Idiakez refresca ao equipo coa entrada de Bouldini, Yeremay e Obrador por Barbero, Mella e Escudero.
Recorta diferenzas Yeremay nunha gran xogada persoal na que regatea a varios rivais na frontal da área e cruza por baixo a Ezkieta.
O Dépor metíase no partido.
No minuto 80, Yeremay, noutra gran xogada, cruza un exceso un balón con sabor a gol.
As ocasións sucedíanse. No 86, Davo cabecea fóra por pouco no segundo pau un centro de Obrador.
Pablo Vázquez, na outra portería, salva baixo paus un disparo de Karrikaburu, que regateara a Helton Leite.
Os minutos finais foron emocionantes aínda que de novo ao Dépor faltoulle precisión para sumar un punto quizais merecido. "Os mozos baleiráronse, volveron a demostrar que estamos a desexar gañar ante #ANOSAFORZA porque é unha pena co ambiente que temos aquí que non se estea levando a xente alegrías", concluíu Imanol Idiakez.
Deportivo: Helton, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Escudero (Obrador, min. 59), Villares, Mario Soriano, Cristian Herrera, Lucas, Mella (Yeremay, min. 59) e Barbero (Bouldini, min. 59)
Real Racing Club: Jokin Ezkieta, Castro, Aldasoro, Arana (Karrikaburu, min. 58), Vicente (Manu Hernando, min. 87), Andrés (Suli, min. 89), Michelín (Sangalli, min. 70), Vencedor, Rodríguez (Junior Lago, min. 70), Montero e Mario García
Árbitro: González Esteban, do comité vasco. Amoestou a Dani Barcia (min. 9) e Ximo Navarro (min. 49)
Goles: 0-1 Rodríguez (min. 17); 0-2 Arana (min. 22); 1-2 Yeremay (min. 65)
Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 23.011 afeccionados, entre eles un milleiro de racinguistas