RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Fernando Soriano: A nosa idea é firme, clara, decidida. O espazo para a xente que veña de abaixo vai estar

Fernando Soriano, Director Deportivo do Club, aproveitou a presentación de Álex Petxarromán para repasar a actualidade deportivista.

Asegurou que, ao referirse ao canteirán Pablo García, "a nosa idea é firme, clara, decidida. O espazo para a xente que veña de abaixo vai estar".

Estas foron algunhas das súas frases:

Petxarromán
"A posición que pensamos prioritaria é lateral dereito. É certo que pola súa gran capacidade técnica desenvólvese ben noutras posicións: xogando por dentro, mesmo no lateral esquerdo tamén estivo noutros momentos. O modelo de xogo que desempeñamos vénlle ben para as condicións que el ten e pode desenvolvelas noutras posicións".

Pablo García
"A nosa idea é firme, clara, decidida. O espazo para a xente que veña de abaixo vai estar. E por suposto Pablo García é un mozo no que temos moitísimas esperanzas e confiamos en que, no seu primeiro ano xuvenil, xa está co primeiro equipo e por suposto que se lle ten en conta. Canto antes poida estar aí moitísimo mellor".

Escudero e lateral zurdo
"É unha das posibilidades que temos. É agora mesmo a posición (lateral zurdo) que, despois da chegada de Petxarromán, máis descuberta temos na parte defensiva. Esperemos que pronto podamos darlle xa solución a esa parcela e poder pensar noutras incorporacións".

Configuración do cadro
"É cedo aínda, acabamos de empezar, aínda non xogamos ningunha partido pretemporada. Por suposto no centro do campo si que vemos que tal vez necesitemos algún reforzo e co paso dos días iremos tomando decisións. Ao ter o cadro bastante cuberto, o ano pasado a continuidade, o bo rendemento de moitos xogadores, pensamos que teñen que ser retoques para moldear e sempre que podamos mellorar, mellorar. Tomámolo nese sentido con tranquilidade".

Luis Chacón e a posición de mediapunta
"Nesa posición agora mesmo estamos cubertos. É certo que hai polivalencia. Luis este ano xogou moito polas dúas bandas. A idea é asinar a alguén máis por fóra. Iremos vendo. Queda máis dun mes e 10 días de mercado. Agora hai que estar pendentes, ir analizando o cadro día a día. Virán os partidos de pretemporada, que parece que non pero son importantes á hora de tomar decisións. Conversamos diariamente co míster tamén para ver que sensacións vai tendo el e a partir de aí ir tomando decisións un pouco máis definitivas".

Portería
"A portería ímola a reforzar. Agora mesmo está Germán, Eric, Alberto e Hugo. Sabedes que Alberto vai competir con ficha de Fabril, estará a axudar ao primeiro equipo se o adestrador creo conveniente. A idea é facer incorporación doutro porteiro".

Dianteira
"O mercado está aberto. Estamos a mirar opcións de mercado que nos poidan mellorar sempre coas ganas de tentar darlle ao adestrador as mellores condicións; pero aínda falta moita pretemporada. Temos que estar abertos a calquera situación e sobre todo ver o que temos. Temos moi bos xogadores. Vístelo a temporada pasada. E a partir de aí iremos tomando decisións ao longo do verán".

Martín Ochoa
"É xogador para todos os efectos de primeiro cadro. É certo que por idade e por número de licenzas o normal é que teña número de Fabril, pero todo o demais é xogador do primeiro equipo".