RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Hugo Rama, sobre estes 10 últimos partidos: A experiencia lévame a pedir calma e pensar que non vai ser fácil

Hugo Rama confesou na sala de prensa de Abegondo que hai "moitas ganas" de chegar á meta: "Mentiríache se che dixese que non pensamos todos os días no que pode ser chegar á meta, pero tamén sabemos que non fixemos nada. Quedan dez partidos. É verdade que dependemos de nós pero non temos marxe de erro. Non sei como cualificar estes 10 partidos, pero a experiencia lévame a pedir calma e pensar que non vai ser fácil".

De feito, apunta que "verte primeiro, ver que xa tes algo que defender cando non o tiveches que facer en todo o ano é unha tarefa complicada e niso estamos tamén traballando".

Así pois, considera ao Dépor como "o rival a bater. Temos ese papel e temos que ser os mellores".

Cunha nutrida representación de #ANOSAFORZA nas bancadas do Cerro del Espino este sábado 23 de marzo ás 18:00 ante o CF Rayo Majadahonda (FEF TV), indica que "vai estar até o final porque estivo nas malas e vai estar agora que estamos nas mellores. Esperamos darlle o que merecen porque é unha pasada vivir isto todos os días".

Aínda que para el non é ningunha escusa cre que a sanción a Imanol Idiakez da pasada fin de semana ante a CE Sabadell FC "nótase porque é como unha chamada a 3. Tardan máis en chegar as ordes. El ve unha cousa desde arriba que quizá o segundo adestrador desde máis preto non o ve e entón é complicado, pero non é escusa".

Dada a ausencia forzosa de Mella en Majadahonda pola súa convocatoria coa selección española sub-19, vese "con opcións, pero igual que eu estará Davo, Valcarce, Berto, Luis Quintero... Estamos todos aí esperando a que dea o once o finde, pero sabendo que somos moitos e que estea quen estea, que o faga o mellor posible e que vaia ben para o equipo".

A nivel persoal, e despois da asistencia a Barbero no gol do empate do pasado sábado, Hugo Rama subliña que "confianza en min teño, sei do que son capaz, non creo que teña que demostrar nada a ninguén a estas alturas. Si que é verdade que hai compañeiros que están moi ben e non lle podes dicir nada ao míster porque están a render a un gran nivel, pero eu estou tranquilo e sei que cando teña a oportunidade vou facelo ben".

De feito, asegura que "nunca fora tan feliz no día a día e facelo en casa é moito mellor. Estou súper contento a pesar de que non estou a ter o protagonismo que me podía esperar, pero son feliz. Son un afeccionado máis do Dépor, estou encantado de estar onde estou e axudar no que se poida".