RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol: Este equipo ten a fortaleza mental e a capacidade para asumir estas dúas derrotas

Imanol Idiakez afirmou na sala de prensa do Alcoraz que "se algo temos, que aprendemos a temporada pasada, é saber levantarnos de moi abaixo, do barro. Este equipo ten a fortaleza mental e a capacidade para asumir estas dúas derrotas porque fixemos dous bos partidos. Fixemos un moi bo partido contra o Real Oviedo e unha segunda parte boa aquí, neste campo que é complicado".

Cre que "hai bastantes cousas boas para rescatar. O equipo outra vez estivo no partido, refíxose dunha primeira parte incómoda e fixo unha boa segunda parte. Isto é o fútbol e outro día seguro que nos tocará a nós meter ese gol no último minuto".

O técnico deportivista explica que após o descanso "metemos a Barbero para xogar con el e con Lucas arriba. Decidimos meter a Mario Soriano preto de Jose Ángel no eixo. Xa o fixo o ano pasado no Eibar e ten capacidade para darnos xogo desde aí. Decidín mandar a Villares ao lateral que o fixo tamén en bastantes ocasións. O cambio saíu ben, a reacción foi boa. Fixemos gol e tivemos ocasións para culminar a remontada. Non o fixemos e isto é a Segunda División. Como deixes ao rival vivo en calquera xogada pódeche matar. Ao final saíu Gerard Valentín, puxéronse con 5. Dúas arrancadas de Gerard cando estaban a desexar o empate e un balón parado custounos. Leccións, que cheguen todas canto antes porque é mellor que pasen todas as desgrazas ao principio e que nos dea tempo a poder reaccionar".

Insiste en que "hai moitas máis cousas boas que malas aínda que o fútbol non che permíte determinados tipos de erros nesta categoría. Témolo que axustar porque o equipo ten cousas para competir cada semana. A Segunda División é un maratón terrible, cheo de xeiras", conclúe.

Imanol Idiakez confesa seguir "na procura. Como todos os adestradores temos que buscar o que é mellor para o equipo máis aló de que temos alternativas para facer un día unhas cousas, outro día outras, mesmo facer cambios durante os partidos. Temos capacidade para iso dentro do cadro".

Finalmente advirte que "non debemos facer grandes lecturas nin moi extremas do que pasou nestas dúas xornadas. O equipo ten cousas ás que agarrarse e temos que entender o que é a categoría. Aquí todo o mundo ten as súas armas".