RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor abre a DéporXira Auga de Parada esta tarde no Couto ante o Ourense CF

A DéporXira Auga de Parada comezará esta tarde coa estrea branquiazul este verán no estadio do Couto ante o Ourense CF ás 20:00 horas, na 1ª edición do Trofeo Miguel Ángel.

Auga de Parada fará posible, un ano máis, a retransmisión dos encontros de pretemporada pola canle oficial do Club en YouTube a excepción, polo momento, do encontro do martes 30 en campo do FC Famalicão.

Os branquiazuis acoden a esta primeira cita sen Raúl Alcaina, que está con adestramento personalizado; e David Mella, concentrado coa selección española sub-19 na Fase Final do Campionato de Europa.

Así mesmo, entraron na convocatoria branquiazul os canteiráns Rubén López, Marotías, Pablo García e Kevin Sánchez.

Esta mañá, Imanol Idiakez, no seu último ensaio antes do partido, dispuxo duns xogos, rondos e un exercicio de accións a balón parado.

Pola súa banda, o Ourense CF ascendeu a temporada pasada a Primera Federación como campión do grupo 1º de Segunda Federación, por diante do Pontevedra CF. A desta tarde será tamén a súa primeira cita este verán, ademais ante os seus afeccionados.

As entradas para o partido, que se poden adquirir nos despachos de billetes do estadio do Couto até as 20:00 horas, custan 15 euros (tribuna), 10 euros (preferencia) e 5 euros (fondo).

E a recadación das rifas que se vendan durante o encontro terá un carácter benéfico, posto que irá destinada aos organismos de loita contra a ELA.

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo mañá mércores a partir das 10:30 en Abegondo.