O Deportivo salvou un punto e o liderado do grupo 1 de Primera Federación nun partido que comezou perdendo ante o CE Sabadell FC ao fío do descanso e no que malogrou un penalti por culpa dun desafortunado esvarón de Lucas.
Imanol Idiakez, técnico deportivista, repetiu aliñación por cuarta vez nas últimas seis xornadas. Nas outras dúas, o único cambio que se produciu foi a entrada de Dani Barcia polo entón lesionado Pablo Martínez. O preparador branquiazul viu o partido desde as cabinas por segundo encontro consecutivo debido á sanción pola súa expulsión frente ao CD Lugo.
O partido comezou cun posible penalti. Pablo Martínez reclamou falta por un agarrón nun córner lanzado por Lucas. O colexiado non sinalou nada.
Pouco despois, aos 3 minutos de xogo, Astals estrelou un durísimo zurdazo afastado no pau dereito da portería branquiazul, despois de que Germán rozase a pelota o xusto para evitar o tanto.
O colexiado volveu ser protagonista no minuto 6, cando a instancias do seu asistente anulaba un ataque prometedor de Barbero por un dubidoso fóra de xogo.
Ao Deportivo custoulle atopar a maneira de facer dano á CE Sabadell FC. No minuto 16, Lucas tentouno cun zurdazo desde a frontal buscando o recanto, que se foi desviado, despois de recibir un pase de Mella desde o extremo dereito. Até o minuto 32 non volveu probar fortuna, por medio de Yeremay, cuxo disparo raso con moita intención buscaba o pau máis afastado e o coiro perdeuse preto da cepa do pau esquerdo da meta vallesana. No minuto 40, de novo Yeremay disparou con potencia, pero o seu zurdazo cruzado repeleuno o ex deportivista Adrián Ortolá.
A poucos segundos de chegar ao minuto 45, o CE Sabadell FC adiantouse no marcador. Pau Resta cabeceou completamente só ao fondo das mallas un córner botado por Domènech desde a esquerda do ataque catalán.
O tanto encaixado encendeu a un Dépor un tanto tímido até entón. Os branquiazuis encerraron ao seu rival no tempo engadido, gozando dunha clara ocasión para empatar nunha chegada de Yeremay á liña de fondo con pase atrás para Lucas que, coa dereita, rematou fóra.
Tralo descanso, Idiakez introduciu a Jaime por Balenziaga, pasando Pablo Martínez ao lateral esquerdo, e ademais produciuse un cambio de bandas entre Mella e Yeremay.
O Dépor saíu con outra cara. No minuto 48, Diego Villares fíxose co balón ao bordo da área chegando desde atrás, tiroulle un cano a un defensa, e no man a man con Ortolá, cun rival colgado por detrás e outro varréndoo desde o chan, disparou ao corpo do porteiro arlequinado. Só tres minutos despois, Yeremay disparou contra o corpo de Ortolá desde unha posición similar á anterior de Diego Villares, despois dun córner sacado en curto. Na seguinte acción, Pablo Vázquez cabeceou por riba do traveseiro un centro de Ximo Navarro.
A xogada que puido cambiar o partido produciuse no minuto 64. Abde derrubou por detrás a Yeremay após un espectacular caneo do canario na liña de fondo. O colexiado sinalou o punto de penalti, que foi máis fatídico que nunca para o Dépor. Lucas escorregou no paso previo ao disparo e o balón foise moi por riba do traveseiro.
A vinte minutos do final, Idiakez introduciu a Davo por Ximo Navarro. O cambio non modificou o debuxo. O asturiano situouse como lateral dereito. O Dépor dominaba con claridade, encerraba ao CE Sabadell FC, chegaba por bandas, centraba, pero apenas remataba a portería.
O conxunto visitante tivo unha ocasión nun libre directo, no minuto 87, que Gualda enviou por riba do traveseiro.
Co Dépor envorcado, chegou o empate. Cando se cumpría o minuto 90 e cando parecía que un centro pasado de Hugo Rama perdíase pola liña de fondo, Barbero cabeceouno picado entre os dous centrais vallesanos, para bater a un sorprendido Ortolá. Foi o sétimo gol do '9' deportivista na presente temporada.
No último minuto dun tempo engadido no que o Dépor atacou en numerosas ocasións, produciuse unha gran acción trenzada do ataque, con centro final de Davo que non atopou rematador en primeira instancia, pero si chegou Iano ao bordo da área. O xogador queixouse dunha patada no peito do defensa que tentou despexar e a afección pediu de un novo penalti que o árbitro non sinalou.
Pese ao empate final, o Dépor mantén o liderado a falta das dez últimas xornadas. Os branquiazuis suman 7 vitorias e 2 empates nos 9 últimos partidos e só perderon 1 dos últimos 17 encontros.
RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Davo, min. 69), Pablo Vázquez (Iano, min. 86), Pablo Martínez, Balenziaga (Jaime, min. 46), Diego Villares (Hugo Rama, min. 78), Jose Ángel, Mella (Raúl Alcaina, min. 78), Lucas, Yeremay e Barbero.
CE Sabadell FC: Adrián Ortolá, Jordi Calavera, Sergi Maestre, Pau Resta, Toni Herrero, Astals, Carles, Domènech (Gualda, min. 79), Moyano, Baselga (Marru, min. 24) e Abde (David Soto, min. 79).
Goles: 0-1 Pau Resta (min. 44); 1-1 Barbero (min. 90).
Árbitro: Antonio Sánchez Sánchez (c. estremeño). Cartón amarelo a Astals (min. 38) e Pablo Vázquez (min. 41).
Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 26.119 espectadores.