RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril regresa a Abegondo ante o UP Langreo despois de demostrar "que soubemos competir" na visita consecutiva ao Pontevedra CF e ao CD Numancia

O Fabril regresa mañá sábado 5 de outubro a Abegondo (16:00, Youtube RC Deportivo) ante o UP Langreo en partido correspondente á 6ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

O filial acaba visitar de forma consecutiva aos dous grandes aspirantes ao título e, por conseguinte, ao ascenso: o Pontevedra CF e o CD Numancia. 

Aínda que houbo derrota tanto en Pasarón como en Los Pajaritos, o conxunto de Óscar Gilsanz si saíu de ambos os estadios con boas sensacións.

Os fabrilistas, con 6 puntos, marchan undécimos na táboa.

En rolda de prensa, o preparador fabrilista extrae como conclusión de ambas as citas que "temos os mesmos puntos que antes de xogalos pero é certo que fixemos moi bos partidos".

Iso si, subliña que "o equipo é capaz de competir, de facer bos partidos e de pór a aprietos aos mellores rivais da categoría".

Son baixa por lesión Álex Pereira, Manu Ferreiro, Luisao, Pablo García e Mardones, que sufriu unha fractura de clavícula tal e como desvelou Óscar Gilsanz.

Guerrero e Noé son os dous xuvenís que entraron na citación.

Despois dos dous partidos consecutivos fóra de casa e de xogar ante a SD Compostela en ABANCA-RIAZOR na 3ª xornada, o Fabril volve a Abegondo, onde non xoga un encontro oficial desde o pasado 31 de agosto.

"Nunca nos fomos. Seguimos aquí no día a día. É o noso lugar de traballo. Somos conscientes que o noso campo, onde temos que sentirnos cómodos e onde temos que dar bo nivel é aquí, en Abegondo. E con normalidade, coma se non pasásemos esa noite en ABANCA-RIAZOR", concluíu Óscar Gilsanz ante os medios de comunicación.

Pola súa banda, o UP Langreo preséntase após caer a pasada fin de semana no seu campo por 0-2 ante o Pontevedra CF.

Os asturianos son sextos na táboa con 8 puntos.

Lonxe do Nuevo Ganzábal, o UP Langreo esta campaña gañou á SD Compostela (0-2) e empatou co Real Ávila CF (0-0).

Liam López, defensor asturiano, lembrou que "xogar fóra nesta categoría é moi f... E máis se é un filial porque ten certos mecanismos que che someten moito".

Pide ao seu equipo en Abegondo "moita actitude, intensidade, portería a cero tamén, que é moi importante".

Pola súa banda, Pablo Acebal, adestrador do UP Langreo, confesou que "esta semana estamos un pouco xustos de xente por molestias varias, por xente que non acaba de saír dos seus procesos de recuperación; pero teño total confianza no cadro que temos, nos xogadores que temos".

Do Fabril, opina que "é un equipo que mantén ao míster, que leva xa anos traballando con ese grupo, facendo as cousas ben, logrando o ascenso, a permanencia a temporada pasada. Vexo unha liña continuista dentro dos cambios que tiveron no cadro".

Subliña que o conxunto fabrilista "tivo un calendario igual ao noso en canto a rivais e que renderon ben en todos os partidos independentemente do resultado. Foron a Soria, a Pontevedra e quixeron ser protagonistas. Competiron o partido, fóiselles por pequenos detalles. É un equipo na liña do ano pasado, que quere ser protagonista con balón e que seguramente nos poña as cousas difíciles".

O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.