O RC Deportivo mostrará a súa solidariedade cos damnificados pola DANA nas camisetas do Dépor e Dépor ABANCA desta xornada
O RC Deportivo, co apoio de ABANCA e ESTRELLA GALICIA, patrocinadores principais, mostrará a súa solidariedade cos afectados da DANA na Comunidade Valenciana. Así, as camisetas do Dépor e do Dépor ABANCA coas que xogarán os partidos de liga desta xornada ante a SD Eibar e o Real Sociedad feminino respectivamente lucirán en lugar do logotipo de ABANCA e ESTRELLA GALICIA 0,0 a mensaxe 'FORÇA VALÈNCIA'.
Unha vez asinada por cada un dos xogadores e xogadoras da 11 inicial, serán poxadas a través da plataforma MATCHWORNSHIRT a partir deste domingo ás 12.00 as camisetas do Dépor ABANCA e a partir do luns ás 20.30 as camisetas do Dépor a través da seguinte ligazón.
Esta acción é resultado do compromiso do RC Deportivo, co apoio de ABANCA e ESTRELLA GALICIA, coas comunidades máis afectadas e marca un fito no patrocinio do fútbol español ao ceder un espazo ocupado por dous patrocinadores principais.
A poxa das camisetas durará unha semana, após a finalización da mesma, a porcentaxe de beneficio neto recadado destinarase integramente a zonas afectadas da catástrofe en Valencia a través da Fundación RC Deportivo.
Esta nova acción solidaria únese ao recente envío de 70.000 quilos de produtos básicos e 10.000 quilos de roupa á rexión afectada, recompilados o pasado sábado 2 de novembro en ABANCA-RIAZOR grazas á solidariedade de #ANOSAFORZA e dos coruñeses.