O Presidente do RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, e o Conselleiro Carlos Ballesta acudiron na mañá deste venres 21 de xuño á sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita con motivo da exposición 'Cheché Martín. A vida nun trazo', centrada na carreira artística do ex xogador e ex adestrador deportivista.
O RC Deportivo tivo que escusar a invitación á inauguración, este xoves 20 de xuño, debido á coincidencia co acto de entrega de insignias aos novos Socios de Prata do Club. Por iso, o comisario da mostra, Rubén Ventureira; o concelleiro de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, e algúns familiares de Martín ofrecéronse a recibir á representación do RC Deportivo na mañá deste venres.
Durante a visita, o comisario, xunto a Marita Martín, a filla de Cheché máis vinculada á arte, describiron as diferentes facetas e estilos aplicados á súa obra, que poden coñecerse a través de 91 pinturas, seis fotografías, un vídeo e outros nove obxectos, totalizando máis de cen pezas na exposición. Un dos espazos está dedicado á etapa como futbolista de Martín, con especial atención ás súas diferentes etapas no RC Deportivo.
Posteriormente, Ventureira acompañou ao Presidente e ao Conselleiro até o Museo de Belas Artes para ensinarlles, xunto á directora do centro, Ángeles Penas, o cadro de Francisco Lloréns que representa a imaxe a cor máis antiga (1911) do equipamento do Deportivo. O cadro está exposto temporalmente na devandita sala ao formar parte da mostra 'Doazóns 2015-2023'.
Cheché, coruñés de nacemento, viuse obrigado a emigrar coa súa familia a Arxentina aos 12 anos, despois de que o seu pai, secretario do Concello, fose fusilado. Após xogar no CA Banfield arxentino e máis tarde no venezolano Vasco de Caracas e o francés Angers SCO, volveu á Coruña en 1948 para fichar polo Deportivo.
A pesar de xogar soamente dúas campañas de branquiazul (44 partidos, 2 goles) fixo historia como parte do equipo que alcanzou o subcampeonato de Primera División na Temporada 1949-1950, formando unha impoñente parella na media con Guimeráns.
Posteriormente, Martín foi adestrador deportivista en tres épocas distintas. Na primeira, que arrancou co inicio do curso 1968-1969, estivo a piques de conducir ao Dépor á súa primeira clasificación para competición europea. O curso seguinte acabou con descenso a Segunda, pola diferenza de goles co CE Sabadell FC, e coa súa primeira saída do banco branquiazul. A súa segunda etapa arrancou no tramo final do curso 1975-1976, o do regreso a Segunda División tralo paso por Terceira. O curso seguinte volveu tomar as rendas do equipo após a destitución de Héctor Rial, pero tivo que deixalo pouco despois debido a problemas de saúde. En total, Cheché dirixiu 91 partidos do Deportivo (60 en Primeira División, 21 en Segunda División e 10 en Copa de España), que o converten no sexto técnico que máis veces sentou no banco branquiazul en toda a historia.