RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Semana sen competición para un Dépor ABANCA que quere tranquilidade e seguir crendo no traballo que estamos a facer

O Dépor ABANCA, onte luns con xornada de descanso, arrinca esta mañá unha semana de traballo sen competición de liga a fin de semana debida aos compromisos das seleccións nacionais.

Así pois, a seguinte cita en Primera Federación Iberdrola para as branquiazuis será o sábado 13 de abril ás 18:45 no campo 8 de Lezama ante o Athletic Club B, en choque correspondente á 24ª xornada.

Os resultados da última fin de semana, co empate en ABANCA-RIAZOR (1-1) ante a CE Europa, deixaron ás Nosas en 2ª posición da táboa con 49 puntos, só superadas polo FC Barcelona B, líder con 51 e que non pode ascender á liga F dada a súa condición de filial. Por detrás vén o RCD Espanyol, 3º con 45 puntos.

"Sobre o campo merecemos gañar. Non conseguimos matalo. Sabemos o contexto emocional que teñen todos os partidos neste último tramo da temporada. Atópasche con rivais que a priori non se xogan nada ou que o teñen moi difícil e ti estasche xogando moito. Non é fácil de xestionar. Faltounos gol. Fixemos un partido meritorio con moitas ocasións. Se quedásemos 3-0 ou 4-0 non pasaría nada. Ao final estamos fastidados polo empate", declarou ante os medios de comunicación Irene Ferreras nada máis concluír o choque en ABANCA-RIAZOR ante o conxunto catalán.

A preparadora deportivista pide agora "ter a mente tranquila, clara porque nos quedan 3 partidos. Temos que ir día a día e seguimos coa mesma renda de puntos".

Está convencida de que, do partido ante a CE Europa, "imos sacar valoracións positivas. As cousas no fútbol hai que velas con perspectiva".

Irene Ferreras promete "seguir traballando para ofrecerlles ás xogadoras tamén esas ferramentas a nivel psicolóxico que é a parte diferencial nestes momentos. O fútbol son experiencias. Non sempre te estás xogando algo tan importante. Temos que ter tranquilidade e seguir crendo no traballo que estamos a facer".

Pola súa banda, Cris Martínez, que o domingo cumpriu 200 partidos coa camiseta branquiazul, está "moi contenta de poder celebrar estes 200 partidos en ABANCA-RIAZOR. Non tivemos a sorte de lograr a vitoria e que fose un final máis feliz pero estou contenta porque seguimos a 4 puntos do noso rival directo e hai que seguir pensando no obxectivo".

Durante esta semana, cada día que haxa adestramento as futbolistas están citadas no ximnasio ás 9:00 antes de saltar ao céspede.

Non estará en Abegondo Michi Apóstol, que está concentrada coa selección venezolana sub-20 na localidade de San Felipe, co obxectivo de preparar o Campionato Suramericano que se celebra en Ecuador.

A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:

Martes 2 de abril
10:00 h.

Mércores 3 de abril
10:00 h.

Xoves 4 de abril
10:00 h.

Venres 5 de abril
10:00 h.

Sábado 6 de abril
Descanso

Domingo 7 de abril
Descanso